Familias represaliadas en Pontevedra: os Zbarsky


Ao amigo Serafín Fontenla, dos bos e xenerosos, investigador das terras e as xentes de Cotobade.

Non son raras as familias nas que a represión se cebou en varios membros das mesmas, unha delas foi a dos Zbarsky, familia de inmigrantes xudeos, de orixe rusa, varios dos seus membros eran odontólogos. Nas súas diferentes ramas, pagaron coa morte, o cárcere, ou o desterro o seu compromiso cos ideais de progreso e democracia.Un panorama xeral dos avatares da familia Zbarsky, aparece nun interesante artigo do estomatólogo pontevedrés José M. Álvarez Vidal, na revista Punto de Encuentro, nº 3, xaneiro de 1997. Nesta entrada ocupareime de D. Abraham Zbarsky Geller (Avrun Klva Elewitch Zbarsky) e na seguinte do seu fillo Jacobo, primeiro dos fusilados en Pontevedra logo de Consello de Guerra.

Abraham nacera no ano 1882, dentista, militante do partido socialista pontevedrés, participante en numerosas iniciativas culturais, entre outras, foi directivo da Sociedad Filarmónica pontevedresa. Persoa querida e respectada na cidade, foi unha das persoas que estivo no goberno civil nos días do golpe militar e mesmo mantivo contacto con Bastarreche, do que se afirma era coñecido. Foi detido e levado ao cárcere da Normal e logo á illa de S. Simón. Co socorrido pretexto de ser trasladado ao cárcere de Ponte Caldelas, é sacado do lazareto e o seu cadáver aparece no cemiterio de S. Amaro o 29 de decembro de 1936. No rexistro civil de Pontevedra aparece a referencia a tres descoñecidos ese día, todos mortos por colapso (feridas por armas de fogo no tórax, abdome e cranio); a idade estimada dun deles, 40 anos, lévanos a pensar que é D. Abraham, que nese momento tiña 54 anos.

Buscar motivacións á sinrazón dun asasinato é unha tarefa estéril, Evaristo Mosquera (Mosquera, Evaristo. Catro anos a bordo dunha illa. Vigo: A Nosa Terra, 2006.), aparte de afirmar que fora asasinado no cuartel da G. Civil de Pontevedra, cunha moto encendida para que non se ouvisen os tiros, apunta como posible motivo as ameazas que D. Abraham fixera de levar o caso do seu fillo Jacobo á Sociedade das Nacións. Non se aporta ningunha proba sobre o anterior pero parece claro que o feito de ser socialista, comprometido coa República, librepensador, ruso e xudeu, eran motivos de abondo, nos anos do medo, para ser eliminado. Por exemplo, o feito de ser xudeu engadía gravidade, nun tempo en que nos xornais aparecían, de xeito destacado, frases como as seguintes:

"Crearemos campos de concentración para vagos y maleantes políticos. Para masones y judíos. Para los enemigos de la Patria, el Pan y la Justicia.... Acabaremos con la inmunda raza judía. Y entonces será el triunfo de España sobre sus enemigos. Triunfo de Dios y el César". (El Pueblo Gallego, 22-5-1937).



A primeira persoa fusilada en Pontevedra, logo de ser xulgada en Consello de Guerra, foi o fillo de D. Abraham, o tamén dentista Jacobo Zbarsky Kuper. Nacido en Lotz no ano 1914, xudeu, nacionalizado español, a súa militancia política era a socialista.

Con motivo do golpe militar, presentárase no goberno civil vestido co seu uniforme de brigada de complemento de artillería, sendo nomeado polo gobernador Gonzalo Acosta, xefe das milicias populares encargadas da resistencia contra os golpistas. Logo da rendición aos militares sublevados, Jacobo Zbarsky abandona o goberno civil e é detido pola policía na madrugada do día 21 de xullo.

O consello de guerra comeza ás 11 e media da mañá do sete de agosto de 1936, no salón de actos da Deputación e con asistencia de moito público. Preside o tribunal o coronel de artillería Mario Sánchez Sánchez, o militar dubitativo nas horas do golpe e que será expulsado do exército por desafecto a comenzos do ano 1939. De relator actúa o capitán Villavicencio, do corpo xurídico, de fiscal o tristemente coñecido Ramón Rivero de Aguilar, fiscal mobilizado da Audiencia de A Coruña e como defensor, o capitán Manuel López de Roda y Arquer, de infantería, defensor tamén noutras causas máis coñecidas, profesor na academia Kosmos (dirixida polo que sería gobernador de Ourense e fusilado Gonzalo Martín March) e que morrería na fronte.

A acusación é a de tomar parte activa na formación de milicias opoñéndose á declaración do estado de guerra, actuar como xefe das forzas resistentes, ameazar cunha pistola ao gobernador se se rendía, facer disparos de pistola a un hidroavión da base Janer que voaba pola cidade... Varias testemuñas ( policías e porteiro do goberno civil) corroboran as mesmas e outras (procesados tamén) o exculpan.

Rivero de Aguilar no seu informe fala "elocuentemente de la política del llamado Frente Popular que conducida al comunismo violaba la Constitución, y convertía la libertad en crímenes, violaciones, asaltos y toda suerte de delitos. [...] El procesado ha sido uno de los principales dirigentes de los elementos marxistas, mancillando el uniforme que vestía, traicionando a España que le abriera los brazos como a un hijo, y que por todo ello pide en nombre de la Justicia la pena de muerte".(Diario de Pontevedra, 7-8-36).

A estratexia do defensor, moi habitual en López de Roda, centrouse en destacar a pouca idade do acusado (22 anos) que o facía vítima fácil das doutrinas revolucionarias, que as actuacións e a militancia eran anteriores á declaración do estado de guerra e acordes coa legalidade republicana, etc. No peor dos casos, non o considera merecedor da pena de morte senón de prisión maior. É curiosa a argumentación do fiscal sobre o momento da declaración de guerra e que anula de raíz calquera tipo de formalidade xurídica: declara que MORALMENTE o estado de guerra implantouse en toda España o 17 de xullo, esquecendo a necesidade da publicación do bando en cada poboación.O tribunal dita condena a morte. Jacobo Zbarsky escribe unha conmovedora carta aos seus que non me resisto a transcribir:
"Pontevedra, 9 de agosto de 1936.Queridos míos:
Querida madre, perdóname este último gran disgusto que te doy. Dentro de 3 horas moriré, tú bien sabes cuanto te quiero, sin embargo no he querido ver a ninguno de vosotros por última vez, porque si así lo hiciera no tendría el valor de afrontar mi suerte.
Mis últimos pensamientos serán en todos vosotros, sobre todo en ti, madre mía. Estoy tranquilo, creo que esta tranquilidad me acompañará hasta el último momento. Piensa, madre mía, que si pierdes un hijo, por ningún ideal más justo.
Yo puedo sacrificar mi vida, te queda otro hijo y mucha más familia que harán todo lo posible por consolarte.
Os beso y abrazo a todos queridos, sobre todo a ti, madre.Tu hijo, que siempre te ha querido y te querrá mientras viva"
.
(Caeiro, Antonio e outros. Aillados. Vigo: Ir Indo.1995)


Ás cinco da mañá do dez de agosto, no polígono de tiro de artillería, en Campolongo, execútase a sentenza. Jacobo Zbarsky rexeita o ofrecemento de auxilios espirituais e estivo acompañado ata o último momento polo seu defensor, capitán López de Roda e polo xuíz instrutor da causa.

A biografía foi elaborada a partires da publicada en: Álvarez Vidal, J.M. "El colectivo ruso en la historia del Colegio." Punto de encuentro. Revista Oficial del Colegio de Odontólogos y Estomatólogos de la XI Región. Nº 3. Xaneiro, 1997

Comentarios

David Simón dixo…
Mais sobre os Zbarsky en : http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2009/09/sobre-galenos-judios-en-ourense.html