ENTREVISTA: CEA CON... ABU MUSA E DANNY ATAR


"Queren axudar á paz de Israel e Palestina? Veñan"
Unha entrevista de Jorge Marirridriga
El País - 11/02/2010

Os dous homes abrazados na fotografía foron inimigos mortais. Un é Daniel Atar, quen chegou a coronel da Brigada Golani, a máis prestixiosa do Exército israelí. En 1982, Atar ía na avanzada da invasión israelí de Líbano cunha misión moi concreta: eliminar a militantes do movemento palestino.

O outro é Qadura Musa. Xornalista. Foi o máximo responsable de Al Fatah na zona de Yenín e pasou 12 anos nos cárceres de Israel. Vendo como, tras a cea, Musa sácase do peto uns escarvadentes e, nun xesto de familiaridade indubidábel, pásalle un a Atar, a cuestión de cal é a clave da paz entre israelís e palestinos obtén unha resposta automática: a vontade de persoas dispostas a arriscarse.

"Lejaim [pola vida]", alza a súa copa de viño o israelí no restaurante marroquí que elixiu porque é un tipo de comida co que sente "como en casa". O palestino responde entrechocando a súa copa de auga. Ambos son moi diferentes. Atar come en mangas de camisa, mentres Musa non se quita a chaqueta nin a garavata. O primeiro é de respostas curtas, mentres o segundo exténdese. Pero ambos sentan xuntos no mesmo lado da mesa e tócanse de seguido mentres falan. Atar refírese sempre ao palestino como Abu Musa, que reflicte familiaridade e respecto. O palestino utiliza Danny para referirse ao ex militar.

Hoxe en día, Atar e Musa son os respectivos alcaldes de Gilboa e Yenín. Cidades veciñas e irmanadas pero separadas, primeiro por anos de violencia e logo polo valado de seguridade construído por Israel. E son os impulsores dun proxecto que en pouquísimo tempo está a conseguir uns resultados espectaculares e que agora explican por todo o mundo. Atar, que milita no Partido Laborista e é admirador do asasinado Isaac Rabin, logrou que o Goberno israelí acceda a abrir a separación entre ambas cidades e o resultado é un intercambio sen precedentes. Máis de 10.000 israelís cruzan cada semana ao lado palestino. Agora queren que Yenín sexa coñecido en Europa non polos violentos combates de 2002, senón por ser un exemplo de convivencia e seguridade. "Hai pouco estivo Tony Blair comendo falafel na rúa. Non levabamos escolta e non o podía crer", explica Musa. "A mensaxe é este: logramos cambiar as cousas en moi pouco tempo. Yenín é un dos lugares máis ordenados do mundo grazas á coraxe e a visión de Abu Musa", di Atar mentres ordena ao xornalista que tome menos notas e coma máis. "Danny Atar está a dar un exemplo de convivencia excepcional entre xudeus e árabes. Comprendeu a necesidade de dous pobos en dous Estados", replica Musa.

As familias de ambos alcaldes coñécense e Atar fai calorosos eloxios da hospitalidade do seu amigo. O israelí foi elixido polos seus veciños en catro ocasións consecutivas. En 1995 coñeceu a Musa nun kibbutz. O palestino fora enviado alí por Yasir Arafat para estudar ese modelo de produtividade. "Hai moita xente en Europa que di que quere axudar á paz. Eu dígolles: veñan, pasen varias noites en Yenín, gasten alí o seu diñeiro e axuden á súa economía", subliña Atar.

Antes de irse, Abu Musa resume o que pensa. "Danny coñece a guerra e non quere que os seus fillos a padezan. Eu coñezo o cárcere e non a quero para os meus fillos".

Comentarios