“Os tempos converteron en impopular a manifestación aberta do odio aos xudeus. Sendo este o caso, o antisemita busca novas formas e foros onde poder instalar o seu veleno. Agora agóchao tras unha nova máscara. Agora non odia aos xudeus, só é antisionista!!”.
Martir Luther King na súa "Carta a un amigo antisionista" 1967.

quinta-feira, novembro 30, 2006

JEAN-PAUL SARTRE E ISRAEL.

“Considero o maniqueísmo coma un dos perigos máis graves da nosa época (…) No conflito árabe-israelí, precisamente, non hai verdade absoluta nin dun lado nin doutro, e se debe poder comprender perfectamente a uns e outros.” “Non considero en absoluto que Israel sexa a punta de lanza do imperialismo americano; simplemente, hoxe en día, os árabes crearon unha situación na cal Israel está condenado militarmente e economicamente a depender inevitabelmente dos gobernos dos estados imperialistas” “É unha idea en verdade groseira afirmar que os israelís son uns imperialistas, e que os estados árabes, entre os cales atopamos países completamente feudais, son países socialistas”.
Jean-Paul Sartre, 1905-1980, filósofo e escritor existencialista e marxista francés, a “Paisaxe dun século”, Ed. O Xunco.

terça-feira, novembro 21, 2006

¿”CONFLITO DE CONFLITOS”? ¡QUE NON!


POR VÍCTOR HAREL

O conflito israelí-palestino foi recentemente cualificado como: «conflito de conflitos», «tumor primario», «principal escollo para as relacións entre o mundo occidental e o mundo musulmán», «embrión da maior parte dos problemas internacionais» e unha serie de epítetos máis. Certamente, o noso conflito cos palestinos, que data de 100, 60 ou 2.000 anos, dependendo de quen e como faga a conta, é un dos máis complexos, pois inclúe case todos os ingredentes conflitivos posíbeis: territoriais, relixiosos, culturais, socio-económicos e máis. Confronta dúas sociedades con valores moi diferentes: unha, a palestina, que lamentabelmente continúa glorificando o terror, e a nosa, que trata de erradicalo. Pero é un conflito máis, un dos vinte e cinco (ou máis) abertos no mundo hoxe: Darfur, Chechenia, Iraq, Cachemira, Sri Lanka, Sahara e máis. A «lóxica» na que se basea a premisa do «tumor primario» crea a errónea impresión de que unha gran parte dos conflitos armados nacen e morren co conflito israelí-palestino, depositando sobre os nosos ombreiros -e tamén dos palestinos- a tremenda responsabilidade (culpabilidade?) da continuación do terror islámico. Noutras palabras: actos implacabeis de terrorismo como os acaecidos en Nairobi, Madrid, Londres, Bali, Estambul e outros poderían evitarse no futuro se reinase a paz entre palestinos e israelís.
E seguindo a mesma «lóxica»: suníes e chiíes abandonarían a tolemia que lles leva a carnicerías diarias. Irán abandonaría os seus desexos de borrarnos da face da terra e poñería fin ao seu programa nuclear bélico. En Sudán, logo de 400.000 mortos, as partes depoñerían as armas. Al-Qaida arquivaría os seus desexos de reconquistar o Al-Andalus e Bin Laden comezaría a emular á Nai Teresa de Calcuta.

E a paz reinaría no Universo enteiro...

Así mesmo, o fin do noso conflito impediría aos petro-ditadores continuar empregando o petróleo como arma estratéxica de cohesión, de chantaxe internacional. E a mesma «lóxica» aduce que fronte ao «conflito de conflitos» é imprescindíbel «actuar», «non gardar silencio» e, aínda máis imprescindíbel, ¡salvar a Israel, malia si mesmo!, xa que se supón saber mellor que nós como resolver o noso conflito. O que é imprescindíbel comprender é que ninguén quere máis que a inmensa maioría dos israelís –e probabelmente unha considerábel parte da poboación palestina- por fin a un conflito que afecta ás nosas vidas -¡onte se fóra posíbel!-; por seguridade, benestar e dignidade dos que alí vivimos e sufrimos, e como obriga ineludíbel ante as xeracións vindeiras, ninguén ten máis necesidade que nós de paz. Sexan cales sexan as propostas, as iniciativas, estas non poden ser impostas: deben xurdir -para ben e para mal- de nós mesmos, en negociacións directas cara a cara entre Israel e todos aqueles palestinos que condenan e repudian o terror, todos aqueles que aceptan -ou acepten- que nese inmenso espazo islámico que constitúe o Medio Oriente hai un espazo -modesto-, máis pequeno que Galicia, para o Estado xudeu. Ambas partes debemos renunciar a parte dos nosos soños para facer lugar ao soño do outro. O conflito israelí-palestino non constituíu un «escollo» nin impediu os acordos de paz con Exipto (1979) ou Xordania (1994), permitindo a ambos países establecer relacións diplomáticas con Israel, e polo tanto ter hoxe en día un papel mediador preponderante. E a ambos estámolles agradecidos por iso. Ao noso xuízo, non debe permitirse o uso -e abuso- do pretexto do conflito israelí-palestino para atemorizar a Occidente con ameazas terroristas. O argumento «mentres exista o conflito israelí-palestino, existirá terror no mundo» debe ser rexeitado como unha coartada falsa e descarada. Mentres en Israel continuamos abocados a construír unha sociedade o máis xusta e equitativa posíbel, non exenta de defectos, por certo, seguimos buscando coa mesma dedicación o camiño que nos conduza á estabilidade e a unha paz co noso veciños, baseándose no respecto mutuo e na visión dos dous Estados, o de Israel e o palestino, vivindo en paz, seguridade e estabilidade. E gardamos a certeza de que esta visión se concretará, pois así o queremos, anhelamos e desexamos ambas partes do conflito.

Victor Harel é Embaixador de Israel en España.

segunda-feira, novembro 13, 2006

domingo, novembro 12, 2006

NON É ISTO, ISRAEL. NON É ISTO.


Por Pilar Rahola
www.pilarrahola.com

Diría que non son sospeitosa de analizar nin frívola, nin criminalizadoramente, a situación de Israel. Moi ao contrario, en momentos de moita dificultade, co maniqueísmo informativo marcando a linguaxe mediática, e con toda a esquerda -a intelixente e a estúpida- vomitando demos antiisraelíes (perfectamente camuflados sob o paraugas do discurso “solidario”, que sempre viste mellor), algúns intentamos manter unha actitude de rigor coa verdade, e de sensibilidade coas súas vítimas, esas que nunca saen nas noticias. Israel sofre unha situación de illamento sangrante que dura décadas, enfrontada a todo tipo de inimigos, visibles e invisibles, que financian, axudan e constrúen unha dinámica violenta que non parece ter final. Non teño ningunha dúbida, con todos o seu erros e miserias -que as tivo e tenas- de que Israel é vítima. Esa condición, que resulta evidente, é negada por case todos. Con todo, hai máis de cincuenta anos que loita por sobrevivir decentemente no medio do caos, rodeada de millóns de persoas que quixeran destruíla, con veciños que teñen, como único obxectivo, a súa destrución, con países poderosos que interveñen na construción da guerra, mais nunca constrúen a paz, enfrontada a unha ideoloxía totalitaria que educa xeracións enteiras para o odio, e, malia todo, aínda é capaz de ser pioneira nos avances científicos, de ofrecer ao mundo algúns premios Nóbel, e de construír unha democracia no territorio árido das liberdades. Persoalmente, admiro a coraxe, a tenacidade e o sentido de sacrificio que representa este pequeno, pero gran País.

Con todo, hai algúns meses que teño a impresión de que Israel navega. E non o digo en términos de análise interior israelí -xa teño suficiente con entender a política de casa-, porqué xa existe un longo exército de opinadores que lle din a Israel como ten que gobernar. Pero, tamén é certo que o actual goberno desconcerta, non polas súas accións, senón sobretodo polo descontrol das súas estratexias. A última incursión militar, coa morte innecesaria e cruel de moitas persoas, é a última pinga dunha escalada de erros dificilmente comprensible. Si. Sei que os palestinos manteñen secuestrados, con total impunidade, aos soldados israelís (e á ONU, como sempre, impórtalle un pepino), sei que cada día caen mísiles Kassam sobre territorio israelí, sei que as organizacións palestinas queiman todos os camiños de paz que se debuxan, que vimos dunha longa historia de mentiras desde Arafat ate o hoxe, sei que Irán controla o terrorismo da zona, e ameaza con ser potencia nuclear. Si. Sei que Israel non o ten fácil. Persoalmente, desde a máis absoluta complicidade na loita pola súa supervivencia, non lle pido solucións, e menos desde Europa, que sempre a deixou soa. Pero lle pido estratexias. Sabe Ehud Olmert cara onde quere levar ao país que goberna? Estamos ante unha planificada estratexia con obxectivos a longo alcance, ou se trata dun puro inmediatismo táctico, con estreitas miras políticas? É un estadista, coma o foron Rabin, Sharon e outros grandes da historia de Israel? Ou é un señor que se atopaba no lugar adecuado no momento adecuado, e vai improvisando sobre a marcha? Algúns dos grandes erros do Líbano, fan temer o peor. Dóeme profundamente. Xa sei que non é xusto, pero, a diferenza dos seus inimigos, Israel non se pode permitir nin o tactismo barato, baleiro de contidos, nin a mediocridade política. Porqué é o único país do mundo, que non só se xoga unha bonita imaxe política. Israel xógase, ¡ai!, a súa propia supervivencia.
Artigo publicado no semanario ELS TEMPS

CONFERENCIA DE SHLOMO BEN AMI EN COMPOSTELA.


O martes 21 ás 20:00 horas, Conferencia de Shlomo Ben Ami sob o título de "Entre alianza e choque de civilizacións".
Organiza o Clube Internacional de Prensa.

sábado, novembro 11, 2006

SOBRE O INTERMINÁBEL DIÁLOGO PALESTINO.

Por Sultana Wahnón

Aínda que o último ataque israelí en Gaza non tivese as tráxicas consecuencias que tivo, non parece moi probable que as conversas que o primeiro ministro Ismail Haniyeh e o presidente Abbas mantiveron estes días para crear un goberno de unidade nacional puidesen desembocar nun rápido acordo, e menos aínda nun que dese satisfacción ás demandas da comunidade internacional. Para que isto ocorrese, e segundo se deduce das declaracións dos diversos actores internacionais implicados, desde a Unión Europea a Estados Unidos, pasando polo propio Israel, o novo goberno tería que respectar as mesmas tres esixencias que se lle viñeron facendo a Hamás desde que gañou as eleccións. É obvio, con todo, que, se esta organización estivese disposta a respectalas, desarmando ás súas milicias, recoñecendo a existencia de Israel e acatando os Acordos de Oslo, non tería ningunha necesidade de negociar co presidente Mahmud Abbas a formación dun executivo conxunto, senón que gobernaría cómodamente en solitario, sen ter que renunciar a unha soa das súas carteiras ministeriais, e ademais coas bendicións da comunidade internacional, que non en balde fixo explícita moitas veces a súa disposición a dialogar con calquera goberno palestino que acepte eses razonábeis requisitos, con independencia do que sexa o feito no pasado. Polo mesmo, as sucesivas xuntanzas e encontros que tiveron lugar nos últimos meses entre os dous líderes palestinos con obxecto de crear un goberno de unidade nacional, lonxe de ser un indicio evidente de que algo estaría mudando en Hamás, serían máis ben a proba palmaria da súa escasa vontade de transformarse ideoloxicamente. En realidade, ate agora os únicos que modificarían as súas posicións respecto diso serían Al-Fatah e o presidente Mahmud Abbas, que nun primeiro intre, cando Hamás o propúxo nada máis gañar as eleccións, negaronse en redondo a discutir esta posibilidade, na que a organización islamista viu sempre, en cambio, a única fórmula que lle permitiría gobernar sen ter que renunciar nin á axuda económica exterior nin aos seus principios ideolóxicos. O que sostiña entón Hamás, e o que en esencia seguiu sostendo ate onte mesmo, era que ese executivo de unidade debía servir para que eles poidesen seguir controlando a política interior e exterior da Autoridade Palestina, mais eludindo as relacións internacionais, das que deberían ocuparse os dirixentes da Al-Fatah e en especial Mahmud Abbas, quen dese xeito podería negociar co Cuarteto e con Israel, e ate abordar a cuestión do futuro Estado palestino en Gaza e Cisxordania, sen que os dirixentes de Hamás se visen na obriga de tratar directamente coa «entidade sionista» nin a recoñecer a lexitimidade do Estado de Israel, do que sinxelamente pensan que non debe existir. Desde o punto de vista de Abbas e Al-Fatah, esta fórmula, ademais de inviábel na práctica (polo mesmo que non poderían tomar decisións sen sometelas á improbábel aprobación de Hamás), equivalía a ofrecer un salvavidas á formación que lles arrebatou o poder; por iso é polo que durante un tempo se negasen por completo a discutila. Con todo, neste momento o presidente Abbas non só leva xa meses negociando con Hamás esta posibilidade, senón que ate semella o máis interesado nela, o que sen dúbida ten algo que ver coa súa probada impotencia para levar a término calquera das outras opcións que estivo barallando para desbloquear a situación actual, desde a de disolver o goberno de Hamás (algo co que ameazou moitas veces sen facelo nunca realidade), ate a de convocar un referendo para que os palestinos se pronunciasen sobre o recoñecemento de Israel e o Documento dos Prisioneiros, iniciativa esta que, malia ser anunciada aos catro ventos, tampouco levou á práctica. Advertido por Hamás de que calquera destas opcións conduciría directamente a unha guerra civil, o presidente palestino non puido xa senón acceder ao «rogo» que o pasado mes de maio dirixiulle por escrito Ismail Haniyeh no sentido de que, en lugar dun referendo, convocase unha mesa de diálogo nacional destinada a formar un executivo de unidade, asunto este sobre o que polo mesmo se estivo discutindo desde agosto sen chegar a un acordo, nin sequera na reunión do pasado luns, e iso malia que, segundo o mediador independente Mustafa Barguti, o novo goberno era cousa de corenta e oito horas, a falta dalgúns «problemas» por resolver. Que polo menos un deses problemas sería de moi difícil solución foi algo do que, en cambio, informou xa a mediados de setembro -e coincidindo co momento en que as conversas comezaron a encallar- o encargado das negociacións por parte de Hamás, Jalil Nofal, ao explicar non sen certa lóxica que o fracaso obedecía a que o presidente lles estaba esixindo algo que sabía perfectamente que non podían satisfacer, isto é, que recoñecesen a lexitimidade do Estado de Israel e respectasen os Acordos de Oslo, o que nese intre levou á organización islamista á conclusión de que, en realidade, Mahmud Abbas non ficaba interesado en alcanzar un acordo con eles. Non tería, pois, nada de estrano que, se a reunión deste luns rematou unha vez máis sen resultado, non se se deba tanto a detalles do tipo de quen tería que ser o primeiro ministro, senón ao abismo que separaría dúas posturas irreconciliables: a de Hamás, por unha banda; e a da comunidade internacional, por outro. Que Haniyeh queira aproveitar a escusa do ataque israelí en Gaza para suspender as negociacións parece, desde logo, confirmar esta hipótese. Se Abbas logra que cambie de opinión non será, pois, co compromiso por parte de Hamás de respectar as tres condicións da comunidade internacional, polo que o máis probábel é que teñamos que pasar aínda algún tempo asistindo á escenificación da inagotábel vontade de diálogo dos políticos palestinos, en tanto que o soldado Guilad Shalit permanece secuestrado, os foguetes Qassam caen sobre a cidade de Sderot, as mulleres palestinas serven de escudos humanos ás milicias e a Unión Europea continúa renovando cada tres meses as axudas directas á Autoridade Palestina, co pretexto de que o cambio de Hamás estaría xa ao caer.

Sultana Wahnón é catedrática de Teoría da Literatura da Universidade de Granada

quinta-feira, novembro 09, 2006

A GUERRA, ISRAEL E SER XUDEU.


Por Ricardo Forster

Toda guerra é miserábel e dolorosa; nada xustifica a morte de civís, a destrución de cidades, o horror do bombardeo permanente. Matar no nome de calquera fe, relixiosa ou secular, é, sempre, un crime. O exército israelí mata, Hezbollah mata, Hamas mata, Siria mata, Irán mata, Estados Unidos mata... e a lista é moito máis longa, case inacabábel, e atravesa a xeografía enteira do planeta. A guerra, nas súas múltiples versións e xustificacións, déixanos desamparados entrementres que seres humanos, comunícanos coa crueldade que levamos moi dentro de nós. Israel non é todo o xudaísmo nin resume toda a extraordinaria historia xudea; Israel é un Estado coas súas contradicións, con súas inxustizas e, incluso, perdón perante tanta crítica, cos seus logros. Mais ser xudeu non é ser israelí, máis alá dunha corrente de afecto e solidariedade que poidamos sentir para a terra dos nosos afastados ancestros, nin todos os xudeus se senten identificados coas políticas do Estado, e incluso están tamén aqueles que han despregado críticas directas á militarización de Israel ao longo dos anos. Pero tampouco é posíbel reducir brutalmente a historia xudea, as súas múltiples vicisitudes, o seu labiríntico camiño, ao puro e destemperado presente.
O pasado habítanos, a memoria segue escribindo o seu texto nos nosos corpos, unha memoria na que a brutalidade da guerra actual non pode nin debe dicir a última palabra. É odioso, parcial, inxusto homologar o que está acontecendo hoxe, agora, no Líbano, coa condición xudea; da mesma maneira que tamén é parcial e mentirá a redución do conflito á única responsabilidade israelí, coma se o mundo árabe fóra unha vítima inocente, inxustamente atacada por un país agresor que o único que quere é asoballar eternamente ao pobo palestino e, de paso, destruír ao Líbano. Resulta case inverosímil ler manifestos ou columnas de opinión de intelectuais progresistas que colocan a Israel no puro lugar do mal e non din unha soa palabra de Hezbollah ou das políticas agresivas de Siria e Irán, que calan diante da morte de civís israelís pero que se desgarran as vestiduras diante da morte de civís palestinos ou libaneses. Para eles os mortos non valen o mesmo, os únicos asasinos son os soldados israelís mentres que da outra beira só hai combatentes pola liberdade e a paz. Tanta inxenuidade é algo máis que inverosímil, é complicidade, é esa eterna xustificación maniquea que no nome da causa, da loita antiimperialista ou a que sexa, elixe que mortos sonlle funcionais e onde por o acento da compaixón humanitaria.
A nós dóennos todos os mortos e nunca deixamos de pronunciarnos contra as políticas que negaban o dereito do pobo palestino a ter o seu propio Estado, do mesmo xeito que defendemos o dereito de Israel á existencia sabendo que ese dereito está sendo permanentemente ameazado por aqueles mesmos que hoxe se ofrecen, aínda que constitúan un exército armado ate os dentes, como vítimas e que son reivindicados polos nosos progresistas benpensantes. Ou acaso os múltiples fracasos dos plans de paz, dende Camp David a Oslo, foron responsabilidade exclusiva dos gobernos israelís? E que dicir do que Hamas proclama respecto de eliminar a Israel do mapa? E das declaracións do premier iraniano que nega a Shoá? Israel está moi lonxe de ser unha nena bonita e virxinal. Cábenlle, por suposto, responsabilidades evidentes, pero iso non significa, non pode significar, reducir a traxedia do conflito en Medio Oriente á maldade “xudea”.

quinta-feira, novembro 02, 2006

TODOS SOMOS XUDEUS

TODOS SOMOS XUDEUS
Por Afonso Vázquez-Monxardín.

Un- Non sei de onde sacaría Ricardo Palmás o refrán que cita no último fermoso estudio sobre ese grande amigo da comunidade xudía que foi Luís Seoane De galegos e judeus, dos melhores líbra-nos Deus. Antisemitismo e antigaleguismo da man na historia lusitana.

Dous. Cando me falaron da bolera de Hurlingham sentín certa curiosidade morbosa en coñecela. Leváronme. Traspasada polos seus donos alemáns a uns "cabecitas negras" gobernaban aquela prestixiosa casa de comidas alemanas na súa decrepitude.

Lugar de reunión dos nazis do barrio desde guerra ata os sesenta conservaba aínda parte dunha estética macabra: cadros alusivos ó poderío alemán e ás victorias militares do Reich. O chan de gastadas táboas madeira renxía e todo ulía a vello pero limpo, mentres unhas cantas familias con nenos ceaban cedo hamburguesas e salchichas con chucrut e puré de papas.

Tres. As olladas que se intercambian os pasaxeiros cando os avións dan os botes rituais derivan, por veces, en charlas de compromiso. Aquel 12 de outubro de 1987 os meus compañeiros de asento sobre a selva norte da arxentina eran loiros, altos e entrambos falaban alemán. Supuña serían turistas coma min que se achegaban ás cataratas do Iguazú. Botou o avión e charlamos. Expresábanse nun difícil castelán. Era a terceira xeración de alemáns -¿ou de arxentinos?- na provincia de Corrientes.

Catro. A sinatura do plano de paz de Washintong en setembro pasado colleume vivindo en pleno barrio do Once. A Organización Sionista Arxentina (OSA) convocou actos multitudinarios de apoio á paz. As festas do Rosh Hashaná e do Yom Kipur estiveron centradas ilusionadamente na paz en tódalas sinagogas. Desde un país ó que inmigraron tódalas partes en conflicto e no que se mesturaron os seus fillos, a paz sábese a única vía.

Pero Arxentina é o país das contradiccións. Tódolos climas, tódolos recursos físicos, humanos e culturais e non funcionaba. Unico país onde foron benvidos nazis e xudeus. No "melt pot" arxentino só se disolven axiña uns galegos sen Estado ou relixión que os unise -agora está a Xunta- esparexidos por toda a cidade pero concentrados sobre todo no barrio de Monserrat. Pegadiños ó barrio do Once de onde uns xudeus xa non tan emprendedores -os que o son máis van en Israel- están sendo varridos pola presión duns coreanos que traballan como "galegos dos de antes", ou sexa como quen lle coñece as orellas ao lobo.

Ese antisemitismo latente nos núcleos nacionalistas arxentinos -militaristas que abocaron ó país á derrota das Malvinas- levou a que varios galegos contaxiados me negasen que o burato onde estivera a embaixada de Israel fose feito por unha bomba terrorista. Circulaba -interesado- o rumor de que estoupara un arsenal que con oscuros fins tiña a embaixada no soto. Así se explicaba o terrible estoupido. Estes galegos esqueceran non xa a tradicional amizade e admiración que os galegos conscientes de si mesmos no sur sentían por uns irmáns xudeus que se trataban de sacudir as desgracias da II Guerra Mundial, senón a simple racionalidade ¿Para que ese arsenal?

Os "rusos" -a maioría son xudeus orientais askenazís, ucranianos, rusos, polacos e non sefaradís- padecen agora unha nova traxedia que acusa ós culpables da anterior. A vesania fanática nazi-jomeinista abateu unha institución asistencial irmá do noso Centro Galego de Bos Aires.
No nome dos meus amigos xudeus e no da amizade entre os nosos pobos emigrantes, eu choro bágoas de sangue.
NOTA: Recuperamos aquí un magnífico artigo publicado no xornal O CORREO GALEGO aos poucos días do salvaxe atentado contra a AMIA en Bos Aires. Atentado que custou a vida a 85 persoas -entre elas un galego Alberto Fernández- Lembremos que hai uns días a fiscalía arxentina ditou orde de busca e detención contra varios altos cargos do goberno iraniano.