TODOS SOMOS XUDEUS

TODOS SOMOS XUDEUS
Por Afonso Vázquez-Monxardín.

Un- Non sei de onde sacaría Ricardo Palmás o refrán que cita no último fermoso estudio sobre ese grande amigo da comunidade xudía que foi Luís Seoane De galegos e judeus, dos melhores líbra-nos Deus. Antisemitismo e antigaleguismo da man na historia lusitana.

Dous. Cando me falaron da bolera de Hurlingham sentín certa curiosidade morbosa en coñecela. Leváronme. Traspasada polos seus donos alemáns a uns "cabecitas negras" gobernaban aquela prestixiosa casa de comidas alemanas na súa decrepitude.

Lugar de reunión dos nazis do barrio desde guerra ata os sesenta conservaba aínda parte dunha estética macabra: cadros alusivos ó poderío alemán e ás victorias militares do Reich. O chan de gastadas táboas madeira renxía e todo ulía a vello pero limpo, mentres unhas cantas familias con nenos ceaban cedo hamburguesas e salchichas con chucrut e puré de papas.

Tres. As olladas que se intercambian os pasaxeiros cando os avións dan os botes rituais derivan, por veces, en charlas de compromiso. Aquel 12 de outubro de 1987 os meus compañeiros de asento sobre a selva norte da arxentina eran loiros, altos e entrambos falaban alemán. Supuña serían turistas coma min que se achegaban ás cataratas do Iguazú. Botou o avión e charlamos. Expresábanse nun difícil castelán. Era a terceira xeración de alemáns -¿ou de arxentinos?- na provincia de Corrientes.

Catro. A sinatura do plano de paz de Washintong en setembro pasado colleume vivindo en pleno barrio do Once. A Organización Sionista Arxentina (OSA) convocou actos multitudinarios de apoio á paz. As festas do Rosh Hashaná e do Yom Kipur estiveron centradas ilusionadamente na paz en tódalas sinagogas. Desde un país ó que inmigraron tódalas partes en conflicto e no que se mesturaron os seus fillos, a paz sábese a única vía.

Pero Arxentina é o país das contradiccións. Tódolos climas, tódolos recursos físicos, humanos e culturais e non funcionaba. Unico país onde foron benvidos nazis e xudeus. No "melt pot" arxentino só se disolven axiña uns galegos sen Estado ou relixión que os unise -agora está a Xunta- esparexidos por toda a cidade pero concentrados sobre todo no barrio de Monserrat. Pegadiños ó barrio do Once de onde uns xudeus xa non tan emprendedores -os que o son máis van en Israel- están sendo varridos pola presión duns coreanos que traballan como "galegos dos de antes", ou sexa como quen lle coñece as orellas ao lobo.

Ese antisemitismo latente nos núcleos nacionalistas arxentinos -militaristas que abocaron ó país á derrota das Malvinas- levou a que varios galegos contaxiados me negasen que o burato onde estivera a embaixada de Israel fose feito por unha bomba terrorista. Circulaba -interesado- o rumor de que estoupara un arsenal que con oscuros fins tiña a embaixada no soto. Así se explicaba o terrible estoupido. Estes galegos esqueceran non xa a tradicional amizade e admiración que os galegos conscientes de si mesmos no sur sentían por uns irmáns xudeus que se trataban de sacudir as desgracias da II Guerra Mundial, senón a simple racionalidade ¿Para que ese arsenal?

Os "rusos" -a maioría son xudeus orientais askenazís, ucranianos, rusos, polacos e non sefaradís- padecen agora unha nova traxedia que acusa ós culpables da anterior. A vesania fanática nazi-jomeinista abateu unha institución asistencial irmá do noso Centro Galego de Bos Aires.
No nome dos meus amigos xudeus e no da amizade entre os nosos pobos emigrantes, eu choro bágoas de sangue.
NOTA: Recuperamos aquí un magnífico artigo publicado no xornal O CORREO GALEGO aos poucos días do salvaxe atentado contra a AMIA en Bos Aires. Atentado que custou a vida a 85 persoas -entre elas un galego Alberto Fernández- Lembremos que hai uns días a fiscalía arxentina ditou orde de busca e detención contra varios altos cargos do goberno iraniano.

Comentarios