¿”CONFLITO DE CONFLITOS”? ¡QUE NON!


POR VÍCTOR HAREL

O conflito israelí-palestino foi recentemente cualificado como: «conflito de conflitos», «tumor primario», «principal escollo para as relacións entre o mundo occidental e o mundo musulmán», «embrión da maior parte dos problemas internacionais» e unha serie de epítetos máis. Certamente, o noso conflito cos palestinos, que data de 100, 60 ou 2.000 anos, dependendo de quen e como faga a conta, é un dos máis complexos, pois inclúe case todos os ingredentes conflitivos posíbeis: territoriais, relixiosos, culturais, socio-económicos e máis. Confronta dúas sociedades con valores moi diferentes: unha, a palestina, que lamentabelmente continúa glorificando o terror, e a nosa, que trata de erradicalo. Pero é un conflito máis, un dos vinte e cinco (ou máis) abertos no mundo hoxe: Darfur, Chechenia, Iraq, Cachemira, Sri Lanka, Sahara e máis. A «lóxica» na que se basea a premisa do «tumor primario» crea a errónea impresión de que unha gran parte dos conflitos armados nacen e morren co conflito israelí-palestino, depositando sobre os nosos ombreiros -e tamén dos palestinos- a tremenda responsabilidade (culpabilidade?) da continuación do terror islámico. Noutras palabras: actos implacabeis de terrorismo como os acaecidos en Nairobi, Madrid, Londres, Bali, Estambul e outros poderían evitarse no futuro se reinase a paz entre palestinos e israelís.
E seguindo a mesma «lóxica»: suníes e chiíes abandonarían a tolemia que lles leva a carnicerías diarias. Irán abandonaría os seus desexos de borrarnos da face da terra e poñería fin ao seu programa nuclear bélico. En Sudán, logo de 400.000 mortos, as partes depoñerían as armas. Al-Qaida arquivaría os seus desexos de reconquistar o Al-Andalus e Bin Laden comezaría a emular á Nai Teresa de Calcuta.

E a paz reinaría no Universo enteiro...

Así mesmo, o fin do noso conflito impediría aos petro-ditadores continuar empregando o petróleo como arma estratéxica de cohesión, de chantaxe internacional. E a mesma «lóxica» aduce que fronte ao «conflito de conflitos» é imprescindíbel «actuar», «non gardar silencio» e, aínda máis imprescindíbel, ¡salvar a Israel, malia si mesmo!, xa que se supón saber mellor que nós como resolver o noso conflito. O que é imprescindíbel comprender é que ninguén quere máis que a inmensa maioría dos israelís –e probabelmente unha considerábel parte da poboación palestina- por fin a un conflito que afecta ás nosas vidas -¡onte se fóra posíbel!-; por seguridade, benestar e dignidade dos que alí vivimos e sufrimos, e como obriga ineludíbel ante as xeracións vindeiras, ninguén ten máis necesidade que nós de paz. Sexan cales sexan as propostas, as iniciativas, estas non poden ser impostas: deben xurdir -para ben e para mal- de nós mesmos, en negociacións directas cara a cara entre Israel e todos aqueles palestinos que condenan e repudian o terror, todos aqueles que aceptan -ou acepten- que nese inmenso espazo islámico que constitúe o Medio Oriente hai un espazo -modesto-, máis pequeno que Galicia, para o Estado xudeu. Ambas partes debemos renunciar a parte dos nosos soños para facer lugar ao soño do outro. O conflito israelí-palestino non constituíu un «escollo» nin impediu os acordos de paz con Exipto (1979) ou Xordania (1994), permitindo a ambos países establecer relacións diplomáticas con Israel, e polo tanto ter hoxe en día un papel mediador preponderante. E a ambos estámolles agradecidos por iso. Ao noso xuízo, non debe permitirse o uso -e abuso- do pretexto do conflito israelí-palestino para atemorizar a Occidente con ameazas terroristas. O argumento «mentres exista o conflito israelí-palestino, existirá terror no mundo» debe ser rexeitado como unha coartada falsa e descarada. Mentres en Israel continuamos abocados a construír unha sociedade o máis xusta e equitativa posíbel, non exenta de defectos, por certo, seguimos buscando coa mesma dedicación o camiño que nos conduza á estabilidade e a unha paz co noso veciños, baseándose no respecto mutuo e na visión dos dous Estados, o de Israel e o palestino, vivindo en paz, seguridade e estabilidade. E gardamos a certeza de que esta visión se concretará, pois así o queremos, anhelamos e desexamos ambas partes do conflito.

Victor Harel é Embaixador de Israel en España.

Comentarios

Observador dixo…
Muy bien.
Voy a hablar en portugues.
É isso. O autor tem razão.
O conflito na palestina não é a causa dos conflitos mundiais.
Recentemente o presidente do paquistão disse a blair :
A causa do conflito no afeganistão era..,Israel !!!!!!!!!

E Blair acreditou.
O que os dirigentes muçulmanos é atirar para cima de Israel todos os problemas que têm.
E os lideres do Ocidente acreditam neles.