Lei Básica: Israel Estado Nación do Pobo Xudeu (texto íntegro en galego)



O Parlamento israelí, a Knesset, ven de aprobar o pasado día 19 de xullo unha  longamente debatida lei básica ou fundamental que por vez primeira define oficialmente a Israel coma o Estado nación do pobo xudeu. O resultado final das votacións plenarias foi de 62 votos a favor, 55 en contra e dúas abstencións. Esta Lei Basica por primeira vez consagra a Israel coma "Fogar Nacional do Pobo Xudeu" e recolle a simboloxía nacional. De seguida a súa tradución íntegra ao galego. 
LEI BÁSICA: ISRAEL COMA ESTADO NACIÓN DO POBO XUDEU

1 / Principios básicos

    A Terra de Israel é a patria histórica do pobo xudeu, na que se estableceu o Estado de Israel.
    O Estado de Israel é o Fogar Nacional do Pobo Xudeu, no que cumpre o seu dereito natural, cultural, histórico e relixioso á autodeterminación.
    O dereito a exercer a autodeterminación nacional no Estado de Israel é exclusivo do Pobo Xudeu.

2 / Os símbolos do Estado

    O nome do Estado é "Israel".
    A bandeira do Estado é branca con dúas raias azuis preto dos bordos e unha Estrela de David azul no centro.
    O emblema do Estado é unha menorá de sete brazos con follas de oliveira en ambos os lados e a palabra "Israel" debaixo.
    O himno do Estado é "Hatikvah".
    Os detalles con respecto aos símbolos estatais serán determinados por lei.

3 / A capitalidade do Estado

Xerusalén, completa e unida, é a Capital de Israel.

4 / Idioma

    O idioma do Estado é hebreo.
   O idioma árabe ten un estatus especial no estado. A regulación do uso do árabe nas institucións estatais ou por elas establecerase por lei.
   Esta cláusula non perxudica o estatus dado ao idioma árabe antes que esta lei entre en vigor.

5 / Acollemento dos exiliados

O Estado estará aberto para a inmigración xudía e ao acollemento de exiliados

6 / Conexión co pobo xudeu

    O Estado esforzarase por garantir a seguridade dos membros do pobo xudeu debido á súa condición de xudeus ou á súa cidadanía.
    O Estado actuará dentro da diáspora para afortalar o vencello entre o Estado e os membros do pobo xudeu.
    O Estado debe actuar para preservar o patrimonio cultural, histórico e relixioso do pobo xudeu entre os xudeus na Diáspora.

7 / Asentamento xudeu

    O Estado ve o desenvolvemento do asentamento xudeu como un valor nacional e actuará para alentar e promover o seu establecemento e consolidación.

8 / Calendario oficial

O calendario hebreo é o calendario oficial do Estado e xunto con el, o calendario gregoriano usarase coma calendario oficial. O uso do calendario hebreo e o calendario gregoriano será determinado por lei.

9 / Día da Independencia e días conmemorativos

    O Día da Independencia é a festa nacional oficial do Estado.
    O Día dos Caídos en memoria dos Caídos nas Guerras de Israel e o Día do Recordo do Holocausto e o Heroísmo son días conmemorativos oficiais do Estado.

10 / Días de lecer e sábado

O sábado e as festas de Israel son os días oficiais establecidos de descanso no Estado. Os cidadáns non xudeus teñen o dereito a manter os seus propios días de descanso e festividades. A harmonización destes dereitos será desenvolta por lei.

11 / Inmutabilidade

Esta Lei Básica só poderá ser modificada pola aprobación dunha nova Lei Básica na Knesset.



 

Comentarios