Londres: imaxes do "Día da Lembranza" dos caídos.











Desde o 1919, os países da Commonweatlh celebran cada once de novembro o Día da Lembranza, en memoria dos soldados falecidos en acto de servizo. A data débese a que as hostilidades da Primeira Guerra Mundial remataron ás once da mañá do undécimo día do undécimo mes.

O símbolo da efeméride é unha papoula. A asociación procede do poema “Nos campos de Flandes” do Tenente Coronel John McCrae, falecido nesa contenda. Comeza así:

In Flanders fields the poppies blow
Between the crosses, row on row,
That mark our place; and in the sky
The larks, still bravely singing, fly
Scarce heard amid the guns below.

Nos campos de Flandes abanean as papoulas
Entre as cruces, ringleira a ringleira
Que marcan o noso lugar; e no ceo
As lavercas, inda cantando con valentía, voan
Abaixo apenas se escoitan entre os fusís

No Reino Unido, a conmemoración ten lugar na londinense rúa Whitehall, rúa que desemboca na praza do Parlamento. Alí, nos xardíns da Abadía de Westminster, lémbrase aos caídos con pequenos símbolos relixiosos de madeira co nome do falecido. Como podedes ver nas fotografías hai tamén unha parcela dedicada á Brigada Xudía de Infantería e outra aos homes e mulleres que compuñan a Asociación de Suboficiais Xudeus.

Comentarios