Pier Paolo Pasolini e Israel


No número 6 (abril-xuño de 1967) da revista marxista italiana “Nuovi argomenti”, Pier Paolo Pasolini publica unha carta aberta en defensa de Israel. Este texto foi polémico daquela nos debates no seo da esquerda italiana. Esquerda que tomara maioritariamente unha posición antiisraelí e coa que Pasolini discrepaba radicalmente. 

“Compagni, perché non capite?”, preguntábase o cineasta, poeta e comunista italiano. “Camaradas, por que non comprendedes?”. De seguido podedes ler o histórico texto: 

Xuro sobre o Corán que eu amo aos árabes case como á miña nai. Estou en negociacións para mercar unha casa en Marrocos marchar para alá. Ningún dos meus amigos comunistas o faría, por un vello, xa tradicional e nunca admitido odio contra os subproletariados e as poboacións pobres. Ademais, quizais todos os literatos italianos poidan ser acusados de escaso interese intelectual polo Terceiro Mundo: pero desde logo non eu. 

En fin, nestes versos, escritos no 63, como é demasiado fácil observar, concéntranse todos os motivos de crítica a Israel dos que agora está chea a prensa comunista. Vivín, entón, no 63, a situación xudía e a xordana dun lado e o outro da fronteira. No Lago Tiberíades e sobre as beiras do Mar Morto pasei longas horas parecidas unicamente a aquelas do 43, 44: comprendín, por mímese, que é o terror de ser masacrado en masa. Tanto como para ter que expulsar as bágoas no fondo do meu corazón demasiado tenro á vista de tanta mocidade, cuxo destino parecía ser só o xenocidio. Pero comprendín tamén, despois de pasar alí algúns días, que os israelís non se resignaron a tal destino. (E así, ademais dos meus vellos versos, chamo agora tamén a declarar a Carlo Levi, a quen na noite seguinte ao comezo das hostilidades, dixo que non había que temer por Israel, e que os israelís en quince-vinte días estarían no Cairo). É por tanto desde unha mestura de piedade e de desaprobación, de identificación e de dúbida desde os que nacen estes versos do meu diario israelí. 
Pier Paolo Pasolini en Xerusalén (Israel) no ano 1963
Agora, nestes días, lendo L´Unità sentín a mesma dor que sinto ao ler o máis mentireiro xornal burgués. É posible que os comunistas debas de facer unha elección tan nídia? Non era xustamente esta a ocasión para “escoller con dúbidas” que é a única humana de todas as eleccións? O lector de L´Unità non medraría? Non habería finalmente pensado -e é o mínimo que pode pensarse-, que nada no mundo pode dividirse en dous? E que el mesmo é apelado a decidir sobre a súa propia opinión? E por que, en cambio, L´Unità conduciu unha verdadeira campaña para “crear” unha opinión? Quizais porque Israel é un Estado nado mal? Pero que Estado, agora libre e soberano, non naceu mal? E quen de nós, ademais, podería garantir aos xudeus que en Occidente xa nunca máis haberá un Hitler ou que en América non haberá novos campos de concentración para drogadictos, homosexuais ou xudeus? Ou que os xudeus poderán continuar vivindo en paz nos países árabes? Quizais poida garantir isto o director de L´Unità, ou Antonello Trombadori ou calquera outro intelectual comunista? E non é lóxico que quen non pode garantir isto, acepte, polo menos no seu corazón, o experimento do Estado de Israel, recoñecendo a súa soberanía e a súa liberdade? E que axuda dáse ao mundo árabe finxindo ignorar a súa vontade de destruír a Israel? Isto é, finxindo ignorar a súa realidade. 

Non saben todos que a realidade do mundo árabe, como a realidade de gran parte dos páíses en vías de desenvolvemento - incluída, en parte, Italia - inclúe clases dirixentes, policías, maxistraturas, indignos? E non saben todos que, do mesmo xeito que é necesario distinguir a nación israelí da estupidez do sionismo, tamén é necesario distinguir aos pobos árabes da irresponsabilidade do seu fanático nacionalismo?

O unico modo de ser verdadeiramente amigo dos pobos árabes neste momento non é seguramente axudarlles a comprender a política tola de Nasser, que non digo a historia, senón o máis elemental sentido común, xulgara e condenara. Ou a dos comunistas é unha sede inaciable de autolesionarse? Unha invencible necesidade de perderse, tomando sempre o camiño máis obvio e máis desesperado? De modo que o baleiro que separa aos intelectuais marxistas do partido comunista deba facerse cada vez máis incolmable?

O texto publicouse en “Nuovi Argomenti” numero 6, abril-xuño 1967.

Comentarios