O inimigo non está na explanada. Por Yashmina Shawki


Por Yashmina Shawki

Non sei se crer nas casualidades, pero si sei que existen as causalidades. Por iso, resulta evidente que o último levantamento palestino contra o uso de detectores de metais -retirados finalmente onte por Israel- para entrar na esplanada das mesquitas non é espontáneo. Aínda que as leas entre palestinos e israelís nunca cesaron, o certo é que, desde a irrupción do Estado Islámico no escenario de Oriente Próximo, estes perderon relevancia mediática. A guerra civil siria, a crise dos inmigrantes, a ocupación de Mosul por parte do Daesh, así coma os terribles atentados que tiveron lugar en Alemaña, Bélxica, Francia, o Reino Unido e Iraq, entre outros, lograron o que sete décadas de loita non conseguiran: relegar a un segundo plano aos palestinos. Pero agora que, por fortuna, levamos unhas semanas sen atentados, que Mosul foi practicamente liberada do Estado Islámico e este se bate en retirada en Siria, os palestinos sentiron que poden volver a pór a súa causa en primeira liña dos medios de comunicación.

Non é, xa que logo, casualidade que o retroceso no protagonismo do ISIS fora substituído polo de Hamás mediante un ataque mortal a tres colonos israelís. Tampouco é casualidade que só cando Mahmud Abbás, presidente da Autoridade Palestina, comezou a ser cuestionado polos seus, se mobilizasen a protestar contra os israelís.  Non serei eu quen negue a terrible desgraza na que viven os palestinos. Pero, sobre todo, sinto conmiseración porque o seu maior inimigo non vive alén da muralla, senón que son os corruptos que os gobernan, tanto en Gaza como en Cisxordania; os fanáticos islamitas de Hamás, que os manteñen atrapados con enganos e sometidos a unha pobreza irracional; e aqueles, incluíndo a todos os países árabes, que poidendo lograr a paz e solucionar o conflito mantivérono vivo para o seu propio beneficio.

La Voz de Galicia - 28.07.17

Comentarios