As irmás Touza: Lola, Amparo e Julia |
O doutor vigués Eduardo Martínez Alonso |
Por Pedro
Gómez-Valadés
Artigo publicado nos xornais: Atlántico diario, El Progreso. La Región, Diario de Pontevedra e GaliciaConfidencial - 27.01.2017
Sempre
imaxinei ás boas xentes, ás boas persoas, coma unha sorte de chinchetas que
desde a súa humildade e pequenez, impiden que o mundo caia da parede. Tarefa
nada doada nun mundo no que abondan os exemplos de maldade e inmensa crueldade
con consecuencias terribles para con nós mesmos, os seres humanos.
Hai un
coñecido refrán xudeu que di que quen salva unha vida salva un mundo enteiro. Certamente
non hai xesto máis xeneroso que salvar unha vida allea arriscando a propia.
Persoas que coa súa coraxe evitan que vidas feitas de tempo, amor, desamor,
dúbidas, certezas… poideran ser apagadas arbitrariamente pola maldade.
E un ano máis
chega o 27 de xaneiro. Data que desde 2005 e por mandato de Nacións Unidas, xunto
a reivindicación da memoria das vítimas do Holocausto reivindica tamén a todas aquelas,
non moitas persoas, que nos negros anos negros da barbarie xenocida e
antisemita desatada polo nazismo contribuíron a preservar a dignidade da
condición humana.
Teñen en
Israel, no imponente Yad Vashem, o centro que desde Xerusalén estuda e preserva
con mimo a memoria das vítimas da “Shoah”, do Holocausto, un xardín poboado de
árbores dedicadas ás persoas que os xudeus nomean como “Xustos entre as
Nacións”. Esas boas xentes que arriscaron - ou perderon - as súas vidas na
nobre misión de salvar a dos outros. Esquecelos, non recoñecelos coma merecen,
ademais de inxusto, empobreceríanos como persoas.
Pois ben,
Galicia tamén ten fermosos exemplos de estrema dignidade nos escuros tempos da
Segunda Guerra Mundial e do Holocausto xudeu. As irmáns Lola, Amparo e Julia
Touza, que desde a súa Ribadavia e sen máis afán que salvar a cantos máis seres
humanos perseguidos fora posible, fixeron que centos e centos de exhaustos
xudeus puideran pasar a Portugal e salvar así as súas vidas das gadoupas da
barbarie. Ou o incomprensiblemente esquecido pola súa propia cidade natal, o doutor
vigués Eduardo Martínez Alonso, quen organizou a rede que permitiu fuxir desde
Francia a Portugal, a través da España franquista a incontables xudeus
fuxitivos dunha morte certa.
Lembrar hoxe a
Lola, Amparo, Julia e Eduardo Martínez Alonso é obriga moral de todos e todas
nós. Hoxe, 27 de xaneiro, e todos os demais días do ano. Por eles. Por nós. Para
evitar que o mundo caia da parede.
Comentarios