Herzog: "Agora mesmo a solución de dous estados non é realista"


Isaac Herzog, o líder da oposición e o presidente do partido Laborista manifestou este mércores que a solución de dous estados non é unha opción realista nun futuro inmediato. 

"Non vexo unha posibilidade real nestes momentos para a aplicación da solución de dous estados", dixo á Radio do Tzahal. "Eu defendo, creo firmemente e quero avanzar cara a ela, quero negociacións, pero non vexo a posibilidade de facelo nestes momentos".

O líder da oposición na Knesset culpou ao actual liderado israelí e palestino polo impasse - "O primeiro ministro Benjamin Netanyahu e o presidente da AP Mahmoud Abbas son incapaces de moverse cara adiante" sinalou, pero tamén dixo que no caso de ser elixido primeiro ministro a súa coalición centraríase na aplicación de medidas de seguridade en lugar dun acordo bilateral. "Existe a necesidade de iniciar medidas de seguridade que respondan á realidade sobre o terreo, e iso significaría unha separación dos palestinos", dixo á Radio do Exército, expondo un plan que inclúe completar a barreira de seguridade en Cisxordania e unha "separación física" das aldeas palestinas circundantes a Xerusalén coa capital.

O martes Herzog fixo comentarios similares no Instituto de Estudos para a Seguridade Nacional na súa conferencia en Tel Aviv.

"Desexo que nos separemos da maior cantidade posible de palestinos, e o máis rapidamente posible", aseverou ante a multitude de expertos e profesionais da seguridade e diplomáticos. "Eles vivindo alí e nós vivindo aquí". Nun movemento que moitos consideran un xiro cara á dereita do líder laborista. Herzog afirmou que viu a necesidade de "completar a barreira de seguridade ao redor de todos os bloques de asentamentos".

Herzog sinalou que a finalización da barreira ao redor dos principais bloques de asentamentos serviría tanto para protexer á xente que vive alí dos ataques palestinos, como para enviar unha mensaxe aos palestinos de que van seguir formando parte de Israel en calquera futura negociación. 

Comentarios