Eu non estiven alí

Por Pedro Gómez-Valadés
Faro de Vigo - Atlántico - El Progreso e Galicia Confidencial

Un ano máis xurde entre a friaxe do calendario invernal un novo 27 de xaneiro. Un 27 que ate hai pouco máis de medio século era só a véspera do 28, como moito un modesto Santo Tomé de Aquino no calendario santoral católico ou simplemente, o vixesimoséptimo día do ano no calendario gregoriano. Mais todo iso mudou de xeito brutal e para sempre un 27 de xaneiro de 1945. Ese día, unidades da División número 100 do Exército Roxo, baixo o mando do xeneral Krasávina, entraron en Auschwitz-Birkenau e liberaron aos 2.819 prisioneiros que despois de 5 anos de masacre ficaban con vida. 2.819 testemuñas da infamia, 2.819 testemuñas do horror inexplicábel que asolou o corazón da vella e culta Europa, a nosa Europa, e que converteu para sempre a un vello e frío cuartel do Exército polaco no monumento funerario perenne de máis de millón e medio de seres humanos que desde aqueles días fican soterrados para sempre e como única tumba, no ceo. Tamén no noso ceo. No aire que serviulles como cadaleito despois de que o delirio xenocida os transformase nas cámaras de gas e nos fornos crematorios en parte do aire que agora e por sempre respiramos e respiraremos.

Igual que ese aire incoloro pero gris, acompañará por sempre a vida na Terra, a lembranza, o non esquecemento, a loita contra o devastador ruído do tempo que todo cala e silencia, ese aire, testemuño vital da morte, debe lembrarnos sempre, con cada bocanada que recollemos e expulsamos, que millóns de persoas morreron, foron asasinadas de xeito planificado e industrial durante esa longa noite de pedra que sacudiu as entrañas das Europas na metade do século pasado.

A pesar da distancia na terra e nos tempos. A pesar dos anos trascorridos, a pesar da lonxanía aparente da xeografía da barbarie nazi e da nosa terra finisterraica galega, hai centos de galegas e galegos que xa non están aquí mais que foron e serán por sempre irmáns de sangue dos millóns de xudeus asasinados.
Xosé Fernández Vázquez, o comandante Soutomaior, quen na súa fuxida do fascismo vitorioso en España, padeceu a prisión e a tortura en Auschwitz-Birkenau.

Marceliño Pardal Pouso, o derradeiro supervivente galego, deportado no campo de Mauthausen, e quen faleceu o 19 de abril de 2009.

As irmás Touza, Xulia, Lola e Amparo de Ribadavia que arriscaron a súa vida no máis fermoso xesto de salvar as de centos de xudeus e refuxiados que fuxindo da Europa ocupada e en guerra chegaban a través da rede humanitaria de salvamento que outro galego exemplar, o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, teceu desde os Pirineos ate a fronteira portuguesa e logo desde alí á liberdade e á vida.

E coma pequena homenaxe permitídeme mencionar só a catro galegos, catro. En representación dos centos mortos nos campos de exterminio nazis. O vigués Agustín Cameselle Fernández, morto no campo de Gusen. O ourensán Manuel Soutullo Iglesias, morto en Mauthausen. O lucense de Viveiro, Manuel Lamelas, morto en Mauthausen. O coruñés Xosé Albedro Vilaverde, morto en Mauthausen.

O ano 2005 Nacións Unidas con moitas décadas de retraso decidiu que desde aquela, todos os 27 de xaneiro serían enmarcados baixo o lema de "Recordemos hoxe e por sempre", na memoria pedagóxica para as xeneracións presentes e futuras do que nunca deberán esquecer. Porque nunca debe volver a suceder. Nunca debeu de suceder.

Eu non estiven alí. Ti, caro lector, tampouco. Mais non debemos ser cómplices por esquecemento ou omisión dun crime brutal que nunca con certeza conseguiremos entender na súa enorme dimensión. Eu non estiven alí. Mais precisamente por iso, eu non esquecerei xamais.

Comentarios