Obama 2015 - Clinton 1994




"Tras dous anos de negociacións, Estados Unidos, xunto cos nosos socios internacionais, acadou algo que non conseguiron décadas de animosidade: un acordo global a longo prazo con Irán que impedirá que consiga unha arma nuclear. Este acordo demostra que a diplomacia norteamericana pode provocar cambios reais e significativos, cambios que fan que o noso país e o mundo sexan máis seguros" (Obama, 2015).

"Hoxe, tras 16 meses de moi intensas e difíciles negociacións con Corea do Norte, completamos un acordo que fará que Estados Unidos, a península de Corea e o mundo sexan máis seguros" (Clinton, 1994).

"Pechouse calquera vía a unha arma nuclear, e implantarase o réxime de inspeccións e transparencia necesario para verificar o obxectivo. Grazas a este acordo por primeira vez estaremos en situación de verificar todos estes compromisos. Iso significa que este acordo non se basea na confianza; baséase na verificación" (Obama, 2015).

"Este acordo representa o primeiro paso no camiño cara a unha península de Corea sen armas nucleares. Non se basea na confianza. O cumprimento será certificado pola Axencia Internacional de Enerxía Atómica" (Clinton, 1994).

"Unha vía diferente, de tolerancia e resolución pacífica dos conflitos, leva a unha maior integración na economía global, a máis implicación coa comunidade internacional e a que o pobo iraniano sexa capaz de prosperar e desenvolverse. Este acordo bríndanos a oportunidade de avanzar nunha nova dirección. Deberiamos aproveitala" (Obama, 2015).

"Este acordo é un paso decisivo para achegar a Corea do Norte ao seo da comunidade global. Estados Unidos e Corea do Norte tamén acordaron suavizar as restricións ao comercio e avanzar para establecer oficinas de representación nas respectivas capitais. Estas suavizarán o illamento de Corea do Norte" (Clinton, 1994).

"Seguiremos realizando esforzos sen precedentes para reforzar a seguridade de Israel; esforzos que van máis aló do que calquera Administración estadounidense teña feito anteriormente" (Obama, 2015).

"E Estados Unidos ten o compromiso inquebrantable de protexer á nosa aliada e democracia irmá, Corea do Sur. Os 38.000 efectivos estacionados na península son a garantía dese compromiso" (Clinton, 1994).

Comentarios