Por Pedro Gómez-Valadés
Artigo publicado en El Progreso, Atlantico, GaliciaConfidencial, A Peneira e no semanario israelí Aurora
A primeira reflexión que debemos tirar das recentes
Eleccións en Israel sería recoñecer o mérito excepcional de conseguir manter
unha democraxia exemplar, nun entorno hostil inzado de inimigos conxurados en
eliminar a Israel do mapa das nacións. Estas pasadas eleccións xerais en
Israel, a XX lexislatura da Knesset (Parlamento) amosan a vital enerxia que
após 66 anos desde a independencia é quen de manter institucións homologables
democraticamentas as sociedades máis avanzadas de Occidente. É innegable que en
circustancias de guerra ou preguerra e conflito constante durante décadas, a
maioria dos paises no mundo terian sucumbido a gobernos militares, golpes de
estado e reximes policiais cando non directamente totalitarios. Tamén é certo
que este mérito nunca será recoñecido por moitos que pola contra aplauden a
reximes como Cuba ou Venezuela.
Mais entrando xa na análise do que foi o resultado das
pasadas eleccións en Israel queda claro que as enquisas de opinión
equivocáronse: non unha vez, senón dúas. Nas semanas e nos días inmediatamente
anteriores ás eleccións, predicíase a derrota de forma xeneralizada en todas as
sondaxes do conservador Likud de Benjamin Netanyahu. Despois, nas horas posteriores
á votación, as enquisas á saída dos colexios electorais indicaban a paridade
entre o Likud e a Unión Sionista, coalición de centro-esquerda formada pola
socialdemocracia do Partido Laborista e o centro de Tzipi Livni. Estas sondaxes
indicaban unha lixeira vantaxe para o Likud, mais ao longo da noite e conforme
foi avanzando o escrutinio de voto real, resultou que o Likud era finalmente o
grande vencedor, acadando 30 escanos dun parlamente composto de 120, fronte aos
24 da Unión Sionista.
Esta é outra das características a ter en conta en calquera
análise electoral de Israel. A lei electoral regula a representación
literalmente proporcional pura dos resultados que cada partido colleite. A
democracia israelí premia así a maior reprensentatividade dos cidadans fronte
ao equilibrio parlamentar. Israel, cunha lei como a española, tería en moitas
ocasións maiorias absolutas claras, algo que xamais sucedeu nas 20
convocatorias desde o ano 1948. En Israel é máis importante, e iso é algo que
está na mente dos votantes sen dúbida, que o partido gañador sexa quen de poder
articular coalicións estables. Ninguén pensa a hora de depositar o voto en
maiorías nidias, só en que a principal forza poida tecer gobernos que afronten
os problemas e retos que afronta a sociedade israelí. Israel é un país pequeno,
algo así como se a Galicia restámoslle a provincia de Lugo, e que está rodeado
de inimigos declarados tan brutais como Hamás, Yihad islámica, Hezbolláh ou o
Estado Islámico, e en consecuencia é moi dificil por non dicir irreal,
pretender que o cidadán israelí vote en función de programas sociais e
económicos como se fora un estado
europeo.
Pero por que e como foi quen Netanyahu de remontar e
derrotar as sondaxes?
Estaba claro que unha gran parte da opinión pública israelí,
incluíndo a moitos partidarios do Likud, mostrábase farta de Netanyahu. Por
outra banda, non parecía existir para gran parte desa mesma opinión pública
outra alternativa crible que o poidera substitur. E a isto último agarrouse con
forza e astucia o veterano Netanyahu. Empregando sen rubor e sen prudencia cara
as chacelerias europeas e a Casa Blanca, unha das armas habituais da política
electoral en calquera parte do mundo, facer promesas o suficientemente ambiguas
pero ao tempo presentadas como declaracións nidias e rotundas para que chegado
o caso poidan ser “reversibles”. Por exemplo na véspera do día electoral e nun
moi hábil intento (conseguido) de recuperar votos para o Likud que estaban en
principio asignados polas sondaxes e inqueritos a partidos máis a dereita,
manifestou nunha entrevista nunha canle de televisión israelí que mentres el
fora Primeiro Ministro non haberia estado palestino. Esta afirmación de
Netanyahu, que foi moi amplamente recollida nos nosos medios, tivo en Israel e
entre os presuntos votantes de partidos máis a dereita un efecto esponxa,
conseguindo mostrar a Netanyahu como un “inflexible” falcon que inspiraba
seguridade e redireccionar unha gran cantidade de votos desde estes partidos
para os sobres do Likud. Reler logo as declaracións descubre que o que
realmente afirma Netanyahu é que mentres non se dean as condicións de
seguridade imprescindibles non aprobaria un estado palestino. Algo que días
despois da cita electoral reafirmou desta volta nunha entrevista nunha televisión
norteamericana. Desde logo non foi o descubrimento da pólvora, todos saben,
palestinos, israelies e comunidade internacional, que para implementar un
estado palestino é condición sine qua non que a seguridade na rexión e de
Israel estea garantida. Nunha zona esta de Medio Oriente de caos yihadista, de
estados fallidos e ao borde do colapso, o desexable e xusto establecemento dun
estado palestino soberano debe ter absolutas garantias de non caer no pozo
negro dos estados en conflito. E iso a día de hoxe é algo do que non hai
lamentablemente ningunha garantia. Porque unha organización islamista e radical
como Hamás controla a Faixa de Gaza, unha parte do futuro estado palestino e na
Cisxordania os seus activistas son rigorosamente controlados e con regulares
redadas feitas polos corpos policiais da ANP de Abbu Mazen e Al Fatah, o cal
amosa máis alá das dúbidas que sen a cooperación da seguridade israelí moi
probablemente tamén Cisxordania teria caido xa baixo as gadoupas do islamismo
fundamentalista de Hamás e a Yihad islámica.
Da complexidade da politica israelí da boa mostra o feito de
que o lugar onde o Likud obtivo UN maior porcentaxe de votos foi nun pobo do
Neguev e onde o partido de Netanyahu acadou o 77% dos votantes, un resultado
case “ourensano” pola súa contundencia. E o máis chamativo desta porcentaxe é
que este pobo, chamado Al Naim, é un pobo árabe beduino.
En definitiva, pecháronse as urnas. Xa sabemos que Netanyahu
foi quen de gañar a todas as sondaxes, ás profecías dos ex dirixentes do
Mossad, de seguridade, aos medios de comunicación israelies e internacionais,
aos académicos, aos intelectuais e aos sesudos expertos en ciencias políticas e
agora tócalle a sociedade Israel afrontar a esixencia de garantir a súa
seguridade nunha contorna rexional salvaxemente hostil, lograr unha solución
xusta cos palestinos e ao tempo facer fronte aos problemas e desaxustes
internos propios de calquera sociedade occidental: educación, carestia da
vivenda, sanidade... problemas que a pesar da moi boa situación económica
israelí son os problemas do día a día do cidadán de Tel Aviv ou Jerusalen, da
Galilea e o Neguev. E non debe esquecer Netanyahu que a esquerda sionista do
renovado Partido Laborista liderado por Isaac Herzog conseguiu un bo resultado máis
que digno de 24 escanos cando desde o ano 1990 o laborismo non superaba xamais
a barreira dos vinte deputados.
E non quero rematar sen facer mención aun feito demoledor
para os difamadores compulsivos de Israel que teiman ate o absurdo en denominar
a sociedade israelí de “estado de apartheid”. A terceira forza na Knesset, no
Parlamento de Jerusalen, é a Lista Árabe Unificada con 13 deputados. Curioso
“apartheid” este, que da igualdade de dereitos de voto e de representación aos
seus cidadáns árabes-israelies
Comentarios