É habitual que os medios de comunicación en España recollan con literalidade as novas publicadas pola axencia palestina de noticias Ma'an. Pero, ao parecer, isto faise só en tanto estas dean conta de feitos que poidan sinalar ou acusar a Israel. Porque a crónica de onte 28 de outubro de dita axencia, foi ignorada de xeito unánime pola prensa e medios españois.
O texto da axencia palestina indicaba que: “As autoridades exipcias están preparadas para crear unha zona tampón ao longo da fronteira compartida con Gaza tras o ataque que matou a 30 soldados exipcios o pasado sábado. Fontes militares exipcias dixeron a Ma'an que todas as casas e terras de uso agrícola, nunha profundidade de 500 metros, serán evacuadas de inmediato ao longo da fronteira de 13 kilómetros”.
Dicir que as autoridades exipcias comezaron xa a demoler as vivendas situadas a menos de 500 metros da fronteira con Gaza, tras desaloxar aos seus moradores, para facilitar a loita contra os islamitas nesta zona da península do Sinaí. Un portavoz do Ministerio de Defensa exipcio informou que algo máis de mil familias tiveron que abandonar os seus fogares e que nesta primeira etapa van ser destruídas unhas 800 casas, principalmente na localidade de Rafah. Até o momento non hai cifras oficiais de afectados e os números varían. Esta medida prodúcese despois de que o pasado venres un atentado causou a morte nesta zona a 31 soldados exipcios, o que levou ás autoridades a decretar o toque de queda e o estado de emerxencia na área. Dalgunhas desas vivendas en Rafah saen túneles que conectan con Gaza e son usados para o contrabando. As autoridades exipcias, que manteñen un férreo control nesta zona, denuncian que por eles entraron tamén no Sinaí extremistas islámicos que perpetraron os ataques contra o Exército e a Policía.
Os habitantes foron notificados de que tiñan que abandonar de inmediato os seus fogares e déuselles 24 horas para recoller todos os seus enseres, segundo as fontes de Hamas. Esta zona de seguridade estenderase dende a costa mediterránea e ao longo da fronteira que Exipto comparte con Gaza. Segundo as fontes, as próximas dúas etapas, para as que aínda non se fixou unha axenda, teñen o obxectivo de ampliar esta "área de seguridade" até os 1.500 metros de profundidade na franxa palestina, o que suporía na práctica a destrución da maior parte das poboacións fronteirizas. Fontes do Goberno de provincia Norte do Sinaí indicaron que esta medida producese no marco dos esforzos das autoridades para eliminar os focos terroristas, pechar e impermeabilizar a fronteira aos extremistas. "Isto facilitará ás forzas de seguridade a súa campaña para peneirar a zona en busca de islamitas e destruír os túneles que conectan o Sinaí con Gaza" declarou o portavoz da Presidencia exipcia, Alaa Yusef, quen tamén sinalou que o presidente exipcio, Abdelfatah al Sisi, está a seguir con atención a evacuación dos residentes e destacou que serán recolocados noutras zonas do deserto.
A península do Sinaí é desde hai anos un foco de inestabilidade, pero os ataques contra as forzas da orde intensificáronse desde o derrocamento do presidente islamita Mohamed Morsi.
Respecto do ataque terrorista, o xornal Times of Israel sinalaba o 26 de outubro que o viceministro exipcio de Interior, Samih Bashadi, foi categórico e acusou directamente a “operativos palestinos” de estar involucrados no mesmo.
En definita a pregunta é clara, só hai noticia se Israel é quen aplica medidas semellantes por motivos de seguridade? Ou sinxelamente é preferible omitir un feito que poida cuestiobar o mantra de que o uso da violencia por parte de grupos palestinos é só unha reacción exclusiva á “ocupación” e “opresión” israelíes?
Comentarios