Auschwitz na árbore xenealóxica

Por Toni Silva
La Voz de Galicia -  24/11/2013

A vida laboral dun avogado é irregular. Axiña debe roubar horas ás noites para cumprir coa súa clientela, como se atopa cun stock de tempo libre. Eduardo Aguiar Boudin, encargado de defender esta semana ao propietario da casa gótica de Betanzos, dedica parte das súas horas de lecer a profundar na súa apaixonante árbore xenealóxica, onde se atopou un anaco da historia máis horrible da Europa do século XX. Porque unha rama da súa familia perdeu a vida no campo de concentración de Auschwitz.

Para ordenar o seu relato, Eduardo remóntase primeiro ate a figura do seu bisavó, Charles Edmond Boudin, un francés da localidade fronteiriza de Bayona. É o seu matrimonio con Rebecca Elodie Pereyre quen salientará a condición xudía na descendencia. «Pereyre é un apelido moi común entre os xudeus expulsados de España», sinala o avogado betanceiro.

O matrimonio tivo tres fillos con nomes de evidente sensibilidade hebrea: David, Isaac e Jacob, este último avó de Eduardo, e quen fuxiu de Francia cando empezaba a presión sobre a poboación do barrio xudeu de Bayona, no Pais Basco francés. Viaxou a España onde tardou en instalarse de forma definitiva. Viviu en Madrid, Sevilla e Zaragoza, entre outras cidades, ate que recalou na Coruña, onde exerceu de dentista tras casar cunha muller oriúnda de Tui. Os irmáns de Jacob Alfred correron unha sorte moi diferente, segundo acaba de descubrir o seu sobriño neto. «Primeiro foron trasladados ao campo de Drancy, nos arredores de París. «Aquel lugar era igual que o gueto de Varsovia, os xudeus non podían saír desas mazás de edificios e desde alí repartíanos polos diferentes campos de concentración», sinala Aguiar Boudin, quen recoñece o exhaustivo control e fiscalización dos nazis en todos os movementos que facían. «Identificaban quen ía en cada vagón, con nomes e apelidos, e a cargo de que militar nazi», explica. Así puido descubrir recentemente o vagón no que os irmáns dos seus avós foron trasladados ao campo de Auschwitz, así como as datas en que puxeron o pé por primeira vez no campo polaco. «Aquilo foi en 1944. Dos 65.000 desprazados de Drancy aos campos de concentración de Auschwitz e Sobibor -máis preto de Varsovia-, só sobreviviron dúas mil, era unha cuestión de probabilidade».

Eduardo non viaxou a estes recunchos da Europa do Leste en busca de parte das súas raíces. Pero si o fixo a súa nai que visitou, entre outros, o terrible campo de Dachau. Co paso dos anos a familia de Betanzos perdeu o contacto cos membros de Bayona.
-E que significa Boudin?
-Morcilla. Si, dá para facer bricadeiras, pero é un apelido moi común en Francia.

Comentarios