O Partido Laborista escolle hoxe lider

 
 
O Partido Laborista, principal formación opositora, celebra eleccións primarias con dous candidatos na palestra, a actual líder, Shely Yajimovich, e o seu segundo, Itzjak Herzog, que trata de sucedela á fronte do partido de esquerdas. Uns 55 mil afiliados están chamados a depositar o seu voto durante esta xornada en máis de 120 centros electorais distribuídos en 79 localidades de todo o país. Os dous candidatos votan en Tel Aviv e continuarán ao longo do día a campaña para solicitar apoios en diferentes poboacións.
 
A formación, que deu oito primeiros ministros e practicamente dominou a política nacional até 1977, na actualidade conta con 15 dos 120 deputados na Knesset, (Parlamento)) e ao non integrar a actual coalición de goberno é o principal partido da oposición. Representa no seu ideario unha posición de esquerda socialdemócrata e sionista, é membro da Internacional Socialista e observador no Partido dos Socialistas Europeos. O seu actual dirixente, Yajimovich, declarou a unha canle de televisión que o seu obxectivo é seguir desempeñándose como unha "alternativa de esquerda" fronte o actual Executivo liderado polo primeiro ministro conservador, Biniamín Netanyahu, cuxo gabinete ten políticos máis á dereita que a súa formación Likud. O resultado da votación de hoxe podería ter consecuencias na futura coalición do goberno. Mentres Yajimovich descartou sumarse ao Executivo e asegura que só o fará no caso de que o Goberno se achegue á firma dun acordo de paz cos palestinos, aínda que non desbota apoialo desde a oposición, Herzog, pola contra, non se opuxo publicamente á posibilidade de integrar o goberno nun futuro. Durante a campaña das eleccións de xaneiro deste ano, parte das bases achacaron a Yajimovich que centrase a súa axenda na cuestión económica, deixando de lado case completamente o proceso de paz cos palestinos.
 
O pobre resultado obtido polo partido, a pesar de que as sondaxes chegaron a augurarlle máis deputados, tamén podería pasarlle factura. Pola súa banda, Herzog, ex ministro e membro dunha familia de forte tradición laborista, concorre ás eleccións sen fracasos significativos e con experiencia no plano económico e diplomático, aínda que moitos se preguntan se tanto tempo sendo segundo non xogará na súa contra. Os colexios electorais pecharán a 22.00 hora e coñecerase o gañador esta mesma noite. No caso de que os resultados fose axustados, os deputados laboristas reuniranse o venres pola mañá na súa sede de Tel Aviv para anunciar nun comunicado oficial o gañador das primarias.

Comentarios