Pesadelos


Por Manuel Pérez Millos

Certamente, cando se pasa dunha certa idade non compre abusar dalgunhas cousas. Eu, hai poucas noites, non atendín a tan sabio principio e, tras dunha cea máis copiosa do debido, tiven varios pesadelos. Primeiro soñei que AGE-EU e BNG impediran no Parlamento de Galicia unha Declaración Institucional de condea aos crimes nazis, que ía facerse pública co gallo do Día Internacional do Holocausto, data auspiciada polas Nacións Unidas desde hai anos. Acordei, ainda espantado por ter soñado semellante horror, e voltei a ficar durmido. Mala cousa foi esa, xa que voltei a ter pesadelos. Nesta ocasión, soñei que batían na porta da miña casa; abrín e fiquei diante dun home de aspecto tan peculiar coma espantoso. Tiña coma un ar pantasmal e, en conxunto, unha imaxe terrorífica. Sen dicir palabra, deume unha carta coa encomenda de que a fixera chegar aos seus destinatarios. Non me deu tempo a rexeitar a encomenda, xa que, namentres miraba o sobre, desapareceu tan axiña coma se fose por obra dun encantamento. Non sabendo que facer nin por qué diaños me escollera xustamente a mín, rachei o sobre, collín o escrito que contiña, e penséi cómo artellar un plan para achegarllo a quen ía destinada. Ao mirala, chamoume a atención que viñera escrita en alemán, polo que coma primeira providenza, decidinme a traducila. Dicía así:
“Sen data (onde nos estamos, nin pasa o tempo, nin hai datas nin almanaques).
Aos camaradas de AGE e do BNG.
Benqueridos camaradas:
Recibide os meus máis cálidos parabéns pola vosa xesta heroica de rexeitar a condena pola eliminación de xudeos na primeira metade do século XX. Sei que, se cadra, tamén se foron con eles algúns dos vosos afíns, pero – e ben sei que me comprendedes - esas foron perdas menores en comparanza coa gloriosa misión histórica de borrar da face da terra a lacra xudea.
Os camaradas Himmler, Eichmann, Goering, o Dr. Mengele e o Grande Muftí de Xerusalén (entre outros), tamén vos felicitan, e animanvos a perseverar na nobre tarefa de eliminar o sionismo e aos seus secuaces e, acadada a vitoria final neste empeño propio de heróis, dar por rematada a sagrada causa de extinguir a raza xudea.
Agardamos impacentes o momento de que vos xuntedes aquí connosco para coñecervos persoalmente e, con grandes fastos que ben merecedes, impoñervos a Cruz de Ferro.
Con todo afecto,
Asdo. Adolf Hitler.”

Caín na conta de que a carta non sería auténtica (ou sí?) e fíxena anacos (ou non?). Por si acaso, a fago pública nun intento de que lles chegue a os interesados. Encantado de servilos, envíolles un saúdo.

Comentarios