Entrevista a Jaume Renyer


Unha entrevista de Albert Soler

Sr.Renyer, escribe vostede a soldo do sionismo internacional?
-Ha, ha, que máis quixera eu!
Existe, o sionismo internacional?
-O que si existe é o antisionismo internacional. Reúne xente de moitos países e con diferentes motivos. Hai desde comunistas a ultracatólicos que odian Israel.
Hai algunha razón para ese odio?
-Xa desde antes da creación de Israel, o integrismo católico -e a igrexa ortodoxa grega- estaba contra o xudaísmo. E máis modernamente, a este antisemitismo de raíz relixioso engádese o propio dos réximes totalitarios comunistas.
Catalunya non é comunista nin moi católica e Israel non esperta simpatía.
-Home, o catolicismo sempre foi a relixión hexemónica en Catalunya, e creo que o continúa a ser, polo menos nos comportamentos psicolóxicos. O comunismo igual, é electoralmente moi minoritario pero algúns dos seus tics e pautas están ainda vivos.
Que teñen en común antisionismo e anticatalanismo?
-O xudeu era a contraidentidade do catolicismo español, que fundamenta a España moderna, e o catalán é a contraidentidade cultural do español. De feito, para xustificar a opresión aos cataláns aplícanse mecanismos como os que se aplican aos xudeus.
Por exemplo?
-A pesar de que a situación en Catalunya é de espolio, faise ver que os cataláns dominamos a economía española. Ou fálase da situación dos castellanoparlantes como se fose a persecución dos xudeus polos nazis, investindo os termos de dominado e dominante.
Sendo así, por que a maioría de cataláns son antiisraelies?
-Foi nos últimos trinta anos que esta esquerda banal que domina o noso país importou comportamentos antisionistas, antidemócrates, antiamericanos e antiliberais. Por iso Catalunya está en situación de crise.
Onde están os israelis contrarios á ocupación de Palestina? Son tamén antisionistas?
-En Catalunya tamén temos xente como Ciutadans ou Foro Babel, ou cataláns de orixe que escriben en contra de Catalunya. Hai xudeus antixudeus igual que hai cataláns que critican o nacionalismo catalán pero non ao nacionalismo español.
É fácil ser proisraelí?
-En Catalunya é un risco ser proisraelí. A proba é que a comunidade xudía en Catalunya faise invisíbel. Eu tiven moitas ameazas.
Non atopa criticábel ningunha conduta de Israel en Gaza ou Cisxordania?
-Israel é tan criticábel como calquera estado. Pero non teño suficientes elementos para dicir cales son as condutas criticábeis. Eu non son israelí, a min o que me preocupa é a liberdade de Catalunya, e creo que Israel é un claro referente.
Gustaríalle que Catalunya fose como Israel?
-Quero que Catalunya sexa libre, non como Israel. Que Israel sexa Israel, e Catalunya outro estado.
Diari de Girona (http://www.diaridegirona.cat)
Entrevista tirada dunha conversa con Albert Soler por mor da presentación do libro "Anticatalanisme i antisionisme, avui". de Jaume Renyer

Comentarios