Cando o Danubio azul foi tinguido de vermello


A obra coñecida como “Zapatos no paseo do Danubio” conmemora as vítimas do holocausto xudeu en Budapest. É un monumento emotivo que esquecen os turistas e que agocha unha triste historia de morte e desesperanza.


Por Marcos Gándara Costa / Budapest /
GALICIA CONFIDENCIAL - 23/12/2012

Paseando pola turística cidade de Budapest, na beira do río que corresponde ao distrito de Pest, xusto fronte ao parlamento e moi preto da chamada Ponte das Cadeas, o camiñante atópase cunha longa ringleira de zapatos de ferro fundido dispostos en pares e sen ningún tipo de significado aparente. De feito, esta peculiar obra artística non aparece reflexada na maioría das guías de viaxe da capital húngara, polo que o visitante a miúdo abandona a cidade sen contemplala. Porén, se de algo está chea esta creación escultórica é de significado, xa que con ela, os seus creadores Gyula Pauer e Can Togay renderon tributo en 2005 ós milleiros de vítimas xudías durante a II Guerra Mundial, moi especialmente ás do Gueto de Budapest, que se atopaba arredor da zona que ocupa a Gran Sinagoga, e que foron asasinadas polo partido fascista húngaro da “Cruz Frechada”, liderado por Ferenc Szálasi quen gobernou o país entre outubro de 1944 e xaneiro de 1945, e que foi condenado a morte por un xurado popular.

O realismo da obra é tal, que dende a distancia parecen tratarse de verdadeiros zapatos, semellando que en calquera momento os seus donos poden voltar a recuperalos, pero estes non regresarán nunca máis. Para a creación destas representacións en ferro tomáronse 60 modelos orixinais de calzado da época, e entre a infinita ringleira destacan algúns pares de reducido tamaño, pertencentes a nenos, que correron a mesma sorte que os seus maiores, por motivos que nin uns nin outros alcanzaban a entender con exactitude.

Neste sentido, e a pesar de non ser unha obra tan grande e espectacular á vista como pode ser o coñecido Monumento ó Holocausto que o famoso Peter Einsenman, creador tamén da menos alagada Cidade da Cultura, edificou en Berlín, este sinxelo homenaxe está cargado dunha fonda emotividade.

Crueldade sen límites

Aínda que o número de asasinatos de xudeus en Budapest, non é comparable ao doutros lugares, sobrepasou a nada desprezable cifra do medio millón. Ademais, é preciso sinalar que o “modus operandi” utilizado para levar a cabo o exterminio semita neste lugar está dotado dun matiz especialmente cruel, que a súa vez explica o simbolismo deste monumento.

Así, e como aparece perfectamente relatado na película “Music Box” do xenial director francés Costa-Gavras, a situación de escaseza de balas que vivían os nazis húngaros levounos a usar habitualmente un macabro método de exterminación; atar cun arame moi apertado a parellas ou grupos de xudeus, evitando que se puidesen soltar, para a continuación disparar na cabeza a un deles, e posteriormente arroxalos ás xeadas augas do Danubio, polo que ou ben falecían afogados, por hipotermia ou no hipotético caso de que algún conseguise liberarse, a tiros.

Macabro ritual

A pesares destas atrocidades, existen algúns superviventes, grazas ós cales hoxe temos testemuños de primeira man desta barbarie. Este macabro ritual levouse a cabo con arbitrariedade ó longo de toda a beira de río, non só no lugar específico onde se empraza o monumento conmemorativo.

E por que un monumento con zapatos?. O seu valor simbólico é moi importante polo gran valor económico que estes tiñan nese momento, xa que antes de que as vítimas fosen guindadas ó río, eran obrigadas a descalzárense, có obxectivo de conseguir sacar un beneficio económico do seu calzado. Por iso, en máis dunha ocasión, a beira do Danubio luciu, tal e como hoxe, cunha longa ringleira de zapatos, só que por aquel entón, non eran de frío ferro, sendo posible que o coiro do que estaban feitos mantivese aínda a calor corporal dos pes que ate había ben pouco gardaban no seu interior.



Os "Xustos entre as nacións"

Durante eses negros anos dúas figuras, pouco coñecidas, conseguiron salvar deste funesto destino a máis de 5000 xudeus e que os fixo merecedores a ambos, entre outras condecoracións, da de “Xustos entre as nacións”. Eran o diplomático español Ángel Sanz Briz, tamén coñecido como “O anxo de Budapest” , quen durante o tempo no que foi cónsul do Estado español nesta cidade, por conta propia, e sen atender as posibles represalias do goberno franquista para o cal traballaba, proporcionou pasaportes españois a xudeus húngaros. Estes alegaban ter unha orixe sefardí polo que en función dun vello Real Decreto de época de Primo de Rivera, aducían ser descendentes directos dos xudeus expulsados polos Reis Católicos.

Do mesmo xeito, e debido ó coñecemento de primeira man que tiña da situación, Sanz Briz relataría ó goberno franquista as inhumanas condicións ás que se vían sometidos os xudeus no país maxiar, aínda qu o directorio de Franco ignoraría as informacións. Tal foi a adicación deste diplomático que no seu empeño por salvar vidas, mesmo chegaría a poñer diñeiro do seu propio peto, para poder subornar as autoridades húngaras, quen por aquel entón eran uns títeres en mans dos ocupantes nazis.

Así, e a pesar da súa dedicación á causa, ante a inminente caída da capital en mans do exército vermello, a finais de novembro de 1944 o goberno español obrigou a Sanz Briz a trasladarse a Suíza. Porén, a actividade non cesaría, xurdindo a outra figura destacada á que debemos facer referencia, Giorgio Perlasca. Este italiano, veterano da guerra civil española, ocuparía o lugar do cónsul español, tendo que recorrer a enganos e a suplantar incluso a súa identidade en certas ocasións, xa que el nunca chegou a ser diplomático. Deste xeito, mantivo esta actividade ata a chegada do exército bolxevique en xaneiro de 1945, desaparecendo posteriormente e mantendo a súa historia en segredo durante mais de 30 anos.

É unha pena cando o turista desinformado se fotografía sorrinte a carón deste sentida obra conmemorativa, introducindo incluso os seus propios pes nuns zapatos cuxa función é homenaxear a memoria de inocentes, e sen reparar nas tres sinxelas placas que en inglés, hebreo e húngaro rezan:
Á memoria das vítimas
arroxadas ó Danubio
polos milicianos da cruz frechada
en 1944-45”

Comentarios