Son tan inmensamente humano (Ich bin so kolossal human)



Por Marcos Besteiro

Lendo o libro "O terceiro Reich e os xudeus - Os anos do exterminio (1939-1945)" do autor Saul Friedländer, podemos atopar parágrafos como o seguinte: 

"O 25 de xaneiro de 1942 Hitler ofreceu datos históricos e comentarios inusitadamente francos sobre o destino dos xudeus, para beneficio de dous entendidos, Lammers e Himmler: "Hai que facelo rapidamente" díxolles - O xudeu debe ser eliminado de Europa. Se non é así, non obteremos ningunha colaboración europea. El provoca en todas partes. Ao final non sei: Son tan inmensamente humano (Ich bin so kolossal human). En tempos do goberno papal en Roma maltrataron aos xudeus. Até 1830 cada ano levaban á cidade a oito xudeus en burros. Eu só digo que el [o xudeu] debe irse. Se mentres tanto acaba destruído, non podo evitalo. Só vexo unha opción: o exterminio total, se non se van ir voluntariamente. Por que ía contemplar a un xudeu de forma distinta a un prisioneiro ruso? Nos campos de prisioneiros morren moitos, porque se viron empuxados a esa situación polos xudeus. Pero que podo facer eu? Por que empuxaron esta guerra os xudeus"

Deste parágrafo chamoume a atención, ademais da frase que encabeza este artigo, esa última pregunta que formulou o propio Hitler: Por que empuxaron esta guerra os xudeus?. Como é posíbel que un gobernante que iniciou a guerra contra Polonia, Francia, Holanda, Bélxica, Dinamarca, Inglaterra...e toda a URSS poida facerse esa pregunta?. Quizais a resposta estea no seguinte parágrafo do mesmo libro:

"Seguindo as ordes de Hitler, as conferencias militares diarias a partir de entón rexistrábanse estenográficamente, para que as súas palabras non se puidesen terxiversar. Segundo a anotación do diario de Hassell do 26 de setembro de 1942, Ferdinand Sauerbruch, director do hospital da Charité de Berlín, cirurxián de fama mundial e probablemente a autoridade médica máis eminente da Alemaña da época, díxolle (despois de reunirse con Hitler durante aqueles mesmos días): "Agora está tolo, incuestionablemente". (Er sei jetzt unzweifelhaft verrückt).

Hoxe en día hai gobernantes e grupos propalestinos que concordan coa  reflexión hitleriana do primeiro parágrafo:a guerra iniciárona os xudeus-israelís en xuño de 1967 ocupando territorios palestinos. Esquécense que foron cinco estados árabes en maio de 1948 quen iniciaron a guerra de exterminio (arroxarémolos ao mar) ao non aceptar o plan de partición da Palestina británica votado na ONU en novembro de 1947 (resolución nº 181). Quizais o segundo parágrafo explique o fondo do asunto.

Comentarios