Comunicado de AGAI


COMUNICADO DE AGAI

www.amizadeconisrael.org


CONDENA DO ATENTADO TERRORISTA ANTISEMITA EN FRANCIA

Desde a ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL-AGAI, queremos expresar a nosa máxima condena e repulsa polo salvaxe atentado terrorista de carácter antisemita cometido onte contra unha escola xudía en Toulouse (Francia), e no que morreron tres nenos e o pai de dous deles e un quinto rapaz debátese entre a vida e a morte.

Desde AGAI quemos salientar que este atentado xenófobo non é desgrazadamente un feito illado en Europa. Desde que o 22 de xullo pasado o ultradereitista Anders Breivik acabase coa vida de 77 persoas en Oslo sucedéronse en toda Europa múltiples ataques motivados por odio racial e xenófobo en varios países, o que pon de manifesto que a intolerancia mata.

A indolencia por parte da maioría dos Estados á hora de loitar e combater contra os discursos, delitos e incidentes de odio propicia que colectivos vulnerábeis, minorías étnicas e relixiosas, inmigrantes e refuxiados, entre outros, sufran unha ameaza permanente que en moitos casos concrétase en forma de agresión ou asasinato como no brutal atentado antisemita de onte en Francia.

Desde AGAI queremos nestes momentos de profunda dor transmitir as nosas condolencias ás familias das vítimas e dos feridos.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI esiximos das Autoridades europeas que adopten as medidas pertinentes para velar pola seguridade das minorías e que garantan o cumprimento da lei en aras do mantemento da convivencia democrática.

Vigo, 19 de marzo de 2012

Comentarios