O antisemitismo e Siria




Por Afonso Vázquez-Monxardín

O espantoso silencio actual dos grupos pacifistas, dos organizadores e flotillas “da liberdade” que trataban de chegar a Gaza non para impulsar á resolución do conflito entre Israel e os palestinos senón promover a súa internacionalización, a actual parálise da monocorde intelectualidade supostamente progresista, o comportamento diario dos que pensan que o fulard é de dereitas e a kuffiya palestina de esquerdas, o cruel silencio colectivo que mantemos ante o masacre constante, lento, firme do goberno de Siria contra o seu pobo, todas estas cousas xuntas e outras moitas, amósannos cunha claridade meridiana a fría cara do pacifismo e do antisemitismo.
Si. Lembremos. Israel abandonou Gaza en 2005 e deixouna en mans palestinas. Daquela colleu o mando Hamás. E coa operación chumbo fundido (2008-9) Israel pretendía silenciar os miles de foguetes que lle chegaban ao seu territorio desde aquela data. Nese momento, ruxiu o inxenuo e manipulable pacifismo europeo. Ese movemento que representa unha forma de cuestionar a ética e o sistema de liberdades occidental desde a comodidade burguesa do San Germain parisino, da Latina madrileña, ou dos pubs da zona vella de Compostela. E a actitude non pode ser máis básica: somos culpables da nosa historia e do noso papel no mundo. E promóvese unha forzada proximidade cos inimigos dos nosos inimigos eternos. Neste caso, proximidade cos inimigos dos xudeus. E non importa que o modelo de sociedade destes aliados de ocasión, ou sexa o modelo de respecto polas liberdades colectivas, de mulleres e homes, sexa algo abominable aos nosos ollos. Si. Nunca iremos alá. Aquí estamos cómodos para poder deostar o noso presente, a nosa historia e pontificar sobre o comportamento dos que tratan de defender o sistema de liberdades occidentais en terras de conflito. O pacifismo de kuffiya ao pescozo co seu discurso entrefrebado de hipismo indignado e antisistema, onde está agora que o goberno de Siria masacra ao seu pobo de forma inmisericorde en Homs, Ugarit, Alepo ou Damasco? Van máis de 6.000 mortos no último ano. Non valen nada estes mortos sirios? A verdade é que todo é moi complexo. Non ten ese pacifismo ningún interese en condenar o poder sirio. Protexeu por moitas décadas aos seus protexidos, a Hamás en Gaza, a Hizbulá no Líbano. Opúxose sempre aos avances das negociacións de paz. Coma as flotillas. Hamás, coa súa sede central en Damasco, foi sempre a grande protexida dos sistema sirio. Agora, claro, non pode nin quere promover a súa condena. Marchan de Damasco, caladamente, mentres buscan outro sponsor. Se cadra Qatar. Como o Barça. Os sirios tamén están sós ante as súas embaixadas. Hamás move aos seus peóns en ocidente para que non haxa condenas na rúa. Calan. E con eles, os pacifistas europeos. Ollan para outro lado e non ven o sangue dos cidadáns sirios que non queren ser menos que os exipcios, que os alxerianos, que os tunecinos e queren buscar o seu camiño na historia. Eu témolles ese camiño, pero eles están esquecidos de todos. Pobre Siria.

Comentarios