O Goberno israelí aproba medidas sociais


O Goberno israelí aprobou por 21 votos a favor e 8 en contra o plan de reformas sociais e orzamentarias proposto pola Comisión Trajtenberg, creada en resposta ás protestas dos "indignados". "Prometino e cumprino. O informe Trajtenberg é bo para Israel", dixo o primeiro ministro, Beniamín Netanyahu, tras lograr a súa aprobación, que estivo acompañada de polémica porque prevé unha redución considerábel do orzamento de Defensa. Netanyahu, que contaba coa oposición dalgúns dos seus socios vitais na coalición do Executivo, agrega nun comunicado que o informe "reduce o custo da vida e os impostos, incrementa a dispoñibilidade de ingresos, (prescribe os recursos) para financiar a educación preescolar básica e converte a vivenda en máis asequibel". A comisión presentou o pasado 26 de setembro as súas conclusións entre as que figuran a proposta de recortar en 3.000 millóns de shekels (600 millóns de euros) o orzamento de Defensa e equiparalo ao de Educación. O documento non propón cambios profundos, senón máis ben unha redistribución de determinadas políticas orzamentarias, fiscais ou sociais, polo que foi rexeitado polos representantes dos "indignados", que deron ao Goberno un mes de prazo para desenvolver cambios significativos sobre o terreo. A Comisión Trajtenberg avogou por equiparar en 2015 os orzamentos de Defensa e de Educación, que quedarían en 50.000 millóns de shekels (10.000 millóns de euros). O orzamento de Defensa é agora un 20 % superior a esa cifra e iso sen contar a axuda militar que presta Estados Unidos (que Washington implementa en maior parte para subsidiar a súa propia industria bélica de exportación a Israel). Tamén recomendou impor fortes multas a quen manteñan apartamentos baleiros durante longos períodos, así como regulacións para romper oligopolios e aumentar os impostos ás rendas máis altas e sobre os beneficios do capital. Facilitar alugueres a familias de clase media a un prezo controlado polas administracións, aumentar o investimento na educación obrigatoria a partir do tres anos ou incluír no cálculo da taxa de crecemento elementos como o grao de desigualdade, a situación sanitaria ou a calidade ambiental foron outras das medidas expostas.

Comentarios