Kibbutz


Por Santiago Jaureguizar

L-V . 05/10/2011

O Levante está cheo de "microbios", protestaba a avoa de Amos Oz. A vella contraeu unha paranoia tan magna coa sucidade que obrigaba ao home a se erguer co sol para bateren as mantas. O Levante o que se refería a anciá non era o de Caja Mediterráneo, senón o israelí, ao que emigrara desde a Polonia post-Auschwitz. Oz contoume a teima.

O escritor convidárame a cear no Kibutz Julda, no que el viviu trinta anos, ata que marchou pola asma dun fillo. Eu cheguei tardeiro, por mor dos longos interrogatorios xeneralizados no aeroporto de Ben Gurion.

Todos cearan, polo que Amos e mais eu estabamos sos no medio de ringleiras de mesas corridas, no que supuxo para min unha volta ao colexio das monxas, en Ribadeo. Oz é moi educado e logo de sentarmos, interesouse por “como marchaban as cousas” no meu país. Atoeime. Non sabía se empezar polas indemnizacións a financieiros, a crise, os pagos que denuncia Dorribo ou o morto nun lume.

“As cousas no meu país, consideradas en conxunto, van mal”, confesei. O escritor israelí retrucou que non podían ir peor ca marchaban para eles cando empezaron a construír Israel no epicentro da nada, nun deserto ermo espreitado por millóns de árabes arelando empuxalos ao mar de Haifa. “Mesmo cos microbios que soamente detectaba a miña avoa”, engadiu en broma. Daquela pensei en que sempre nos quedará Luar.

http://lv.galiciae.com/nova/119287.html

Comentarios