Ben polo profesor Barreiro



Por Maribel Ferreiro

O columnista da Voz de Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas publicou o pasado día 14 de setembro un artigo nese xornal que a verdade non ten desperdicio.
Imputa no mesmo aos pérfidos sionistas máis de medio século de inxustizas, masacres, xenofobia e usurpación. Nin máis, nin menos. E, se cadra, o que dí o profesor Barreiro é certo. Ainda que se é inxustiza ter un territorio no que establecer un Estado segundo mandato da ONU (do ano 1947), xa me explicará o señor profesor que cousa se pode entón considerar contraria a dereito. Se tratar de defenderse dos ataques árabes (maio/1948, outubro/1956, xuño/1967, outubro/1973), se tentar neutralizar os constantes lanzamentos de misis que matan civís, se perseguir aos terroristas que fan voar supermercados, discotecas, autobuses escolares ou pizzerías, se isto é inxusto, canta inxustiza entón comete o Estado español con ETA! A proósito das masacres, se vostede todo un profesor universitario e experto en Dereito, considera tales as vítimas civís causadas nunha guerra nos que certos “valentes milicianos” protéxense baixo o manto da poboación civil… En fin, xa mo explicará se fai o favor. En canto a xenofobia, ben poidera ser que eu non coñeza o significado do termo, e que os centos de camións que entran diariamente en Gaza, que a atención sanitaria que reciben non só os árabes-israelíes senon os árabes palestinos, que ter grupo parlamentar propio na Kenesset, ter protección xudicial plena, se todo isto e máis, é xenofobia –e se o di alguén tan instruido coma vostede debe ser certo- oxalá veña logo e por sempre un andazo de xenofobia ao Estado español. Usurpación –xa que vostede o asegura- sen dúbida que a hai. Supoño, xa que logo, que por usurpación ten que entenderse o que fixeron os USA con Texas, o que fixo a Gran Bretaña con Escocia, Xibraltar, Gales ou as Malvinas, Rusia coas Kuriles, ou mesmo o Estado español con Ceuta, Melilla, Canarias e un longo etcétera de países e casos.
O que sí é certo e que Israel despreza os convencionalismos da guerra, xa que antes de bombardear avisa aos civís para que se afasten da zona. Israelíes taimados e teimudos no seu empeño por preservar a vida! Tamén debe ser verdade a cousa esa do Estado étnico-relixioso. Non hai máis que preguntar aos árabes e beduinos, cristiáns, musulmáns, mormóns, bahais, e até ateos escépticos para coñecer como son “perseguidos”.
En fin, profesor Barreiro, o animo a que siga vostede informando deste xeito. Así comenzou un tal Goebbels… e chegou a Ministro.

Comentarios