A tolemia antisemita sobre Oslo


Por Josep Carles Laínez
.
Os asasinatos cometidos polo cidadán noruegués Anders Behring Breivik están a servir para moitas cousas: avaliar a eficacia defensiva dun país, expor que retos ten que revisar unha sociedade enteira, meditar desde o goberno por que aparecen individuos deste tipo... Un abano de cuestións que de seguro aumentarán cando se aproximen as comparecencias e o xuízo. Pero os crimes tamén están a aproveitar, como non podía ser doutro xeito, para subir o nivel da «enfermidade» por antonomasia de Europa: o antisemitismo.
Desde a extrema dereita digamos «clásica» (os seguidores de Adolf Hitler e de Francisco Franco), até a extrema esquerda con vestimenta alternativa, está a indagarse sobre esa man negra inaprehensible que seica debe estar por detrás de Breivik. A quen lle beneficia o atentado e as mortes? De quen se declaraba admirador o noruegués? Cal é a lectura que máis pode axudar a o establecemento dunha orde definitiva onde os malvados sexan por sempre, e máis que nunca, os malvados?
Moi fácil: hai que atribuír a explosión e os asasinatos aos sionistas, é dicir, aos xudeus ou aos admiradores dos xudeus, e redactar noticias ou escribir artigos onde as palabras «defensor de Israel» ou «fan de Israel» estean ligados a Breivik como descrición máis nídia e, curiosamente e terroríficamente, máis culpabilizadora. Así, non só a web dixital Rebelión, os diarios españois El País e Público, senón tamén o xornal catalán La Vanguardia, estableceron este vencello entre o feito de realizar unha matanza e apoiar ao Estado de Israel ou, aínda máis, apuntar unha trama de espionaxe e, colaboradores entre nós que farían o traballo sucio (o británico Gilad Atzmon asegúrao case sen andrómenas). Seguindo esta lóxica, as derívas sionistas de Breivik traerían a atentado contra o goberno favorable a un Estado palestino e aos mortos dunha cuadrilla de adolescentes defensores do boicot contra Israel.
Desta forma, todo casa, e a esquerda propalestiniana, xudeofoba e partidaria do multiculturalismo (é dicir, os «bos» da película) non só desentrañarían o móbil dos crimes, senón que a explicación serviríalle mesmo na súa peculiar «cruzada» contra unha extrema dereita que cada vez ven máis forte -cando a realidade é que só existe marxinalmente- e contra o «sionismo», caixón de xastre onde aniña o mesmo odio aos xudeus que xerminaba nos anos 30 en Europa.
En poucas palabras, o Estado de Israel, a ideoloxía sionista ou o lobby xudeu serían as explicacións maioritarias dun comportamento tolo, o de Anders Behring Breivik. Non debería de ter lecturas políticas, pero están a aparecer, están a forzalas, esporeadas pola visión acrítica do antisemitismo e a necesidade de identificar uns verdugos que deixan tranquilas as ideas. Parece que se está o sionismo detrás de vítimas inocentes, xa poderemos durmir en paz, e Europa encherase de novo de coherencia.

Comentarios