Antisemitismo nos foros de esquerdas

Nazismo e xudaismo, un insulto á intelixencia


.


Por Antonio Ortiz


Hai xa uns meses que veño detectando un aluvión de mensaxes racistas antisemitas que en pouco se diferencian dos que podemos ler en webs nazis.


O recente asasinato de decenas de mozos socialistas en Noruega foi aproveitado sen ningún rubor para levantar de novo "sospeitas" sobre a man longa do sionismo como responsábel intelectual deste vil e covarde atentado. Que ese asasino confeso mostre as súas simpatías a Israel e o seu odio a causa palestina foi suficiente para desviar a atención sobre as causas que provocaron este acto terrorista e que ninguén parece, desde a esquerda, entrar a debater. O que máis me sorprendeu en todo este debate é como aos poucos os artigos que falaban do tema convertéronse en foros onde decenas de comentarios fálannos da "conspiración sionista" para dominar o mundo ou o máis alucinante, as manobras xudías utilizando a masonería ou o terrorismo para impor unha nova orde Mundial.


Os que vimos dunha tradición marxista clásica, entendemos que a loita de clases é o motor da historia e non as conspiracións de grupos étnicos, tribais ou relixiosos. Entendemos que o imperialismo non ten nin patria nin bandeira (e moito menos relixión ou ética) e que o esforzo dos patróns para seguir dominando o mundo baséanse non na defensa de privilexios de grupos étnicos senón en amasar máis e máis plusvalías mantendo un complexo e difícil equilibrio que non dea co traste o negocio. "Mercados", "fondos soberanos", Multinacionais... todos forman parte desa engranaxe multicultural e multinacional que sen ningún tipo de escrúpulos é capaz de estrangular economicamente un país para saquear as súas riquezas como tamén de perdoar as débedas a outro para manter o vixente status quo.

Pódese criticar a política de Israel, dos seus gobernantes como a dos EEUU, España ou China sen necesidade de caer neses tópicos racistas e extraídos das máis puras lendas negras que os réximes feudais e a dereita inventaron para ter un inimigo ao que acusar de todos os males da sociedade. O outro é puro racismo... pretendidamente de esquerdas pero profundamente de dereitas.

Comentarios