O kibbutz, volve ser vangarda?



Cumprido xa un século desde a súa fundación, o Movemento Kibbutziano esboza un deseño social para os seus próximo cen anos. O kibbutz volve ser vangarda? Como a ave fénix...


Por Moshé Rozén

desde kibbutz Nir Itzjak, Israel

Moitos -dentro e fóra de Israel- están convencidos que o camiño capitalista salvaxe, na súa versión neoliberal máis aguda, é o rumbo definitivo da sociedade israelí. Peor aínda: nos últimos anos estendeuse a idea que todos os kibbutzim abandonaran o modelo socialista para caer en brazos da privatización. "Hazerem Hashitufí", a Corrente Colectivista do Movemento Kibutziano, demostra, nestes días, que a idea dunha economía solidaria e unha sociedade máis xusta son valores plenamente vixentes para importantes sectores da sociedade de Israel. O congreso anual de "Hazerem Hashitufí" tivo lugar os días 17 e 18 en Aravá, ao bordo do deserto meridional. O lugar para as deliberacións non foi elixido de casualidade: os kibbutzim do Consello Rexional Eilot despregan alí proxectos cooperativos e socialistas pero -tamén- manteñen celosamente un sistema de vixilancia ecolóxica, formulado nos seus modos de vivenda e produción, turismo e educación. A ver: non se trata so de resgardar ao home dos riscos do alleamento económico; hai, ademais, un desexo de respectar á natureza que serve de escenario á experiencia social. 300 representantes de kibbutzim rurais e urbanos, xunto tamén con "kehilot bogrim" -grupos de activistas en educación non formal e asistencia social, desenvolvidos ao redor dos movementos xuvenís sionistas- e delegados de organizacións non gobernamentais identificados con "Hazerem Hashitufí" ateigaron as diferentes salas de debate. Os distintos grupos traballaron sobre unha variedade de proxectos, compartindo experiencias en marcha e propostas innovadoras:


1/ Cooperación como resposta a privatización.

2/ Cultura para construír unha sociedade mellor.

3/ Comunidades verdes (modelos ecolóxicos).

4/ Facenda colectiva fronte a sociedade de mercado.


"Shavim" (Igualitarios) -equipo educacional de "Hazerem Hashitufí" - expuxo o seu plano de traballo, inspirado no xudaísmo humanista, antítese do xudaísmo fundamentalista. "Shavim" considera que un Israel afastado do ideario sionista socialista dos pioneiros -construtores do kibbutz- traizoa a visión histórica do movemento de renacemento social e nacional do pobo xudeu, o sionismo. A ave fénix, a mítica figura dun maxestuoso paxaro que renace das súas cinzas, pareceu estar presente no conclave: tras vinte anos de crise ideolóxica e derrube económico de grande parte das unidades kibbutzianas, un amplo conxunto de kibbutzim, kehilot-bogrim e comunas urbanas mancomunan esforzos para avanzar firmemente nun rumbo considerado para moitos como perdido ante a seica imparábel onda neoliberal. Debemos salientar que a tarefa está encabezada tanto por kibbutzim abanderados no xudaísmo laico e humanista mais tamén participan unha decena de kibbutzim relixiosos, como Kvutzat Yavne e Alumim. Outro feito moi significado é a enorme presenza de mozas, militantes de Dror-Habonim e Hashomer Hatzair que atopan na corrente colectivista a súa canle de expresión.

Comentarios