Mazel Tov ás rapazas de Elitzur Ramla!
O Elitzur Ramla derrotou ao Arras de Francia 61-53 e proclamouse Campion de Europa. É a primeira vez na historia que un equipo israelí de basket feminino consegue o ansiado título continental. Algo máis de cen siareiros israelís perdidos nun mar rosa contra máis de 4.000 entusiastas franceses axitaban bufandas, bandeiras e todo o que tiñan a man. O Palacio Municipal de Arras apenas esbozou un aplauso para as flamantes campioas como recoñecemento á merecida vitoria conquistada, moi preto do Paso de Calais, a beira da Canle da Mancha. Os que vivimos o partido pola TV israelí non podemos menos que sacarnos o chapeu e dar as grazas a este equipo que fixo historia en contra de todos os prognósticos. É que o resultado do partido de ida, xogado en Ramla (empate 61-61), foi logrado a duras penas e descontando unha vantaxe de 10 puntos a só tres minutos do final. Tampouco o comezo do partido de volta foi alentador. Tras un 5-2 con 5 puntos da base Lenny Slawin, veu a reacción local, e cun parcial 11-0 parecía que Arras levaba o mundo por diante mentres Elitzur non daba pé con bóla nin en ataque nin en defensa. O fin do primeiro cuarto, 13-5, veulle de perilla a Eden Inbar para reacomodar as filas. A entrada de Ornit Schwartz e as asistencias a Wright e Willingham devolvéronlle ao equipo israelí o espírito de loita que ate ese momento brillaba pola súa ausencia. Axustáronse as defensas en especial debaixo dos taboleiros, e alí empezou o show da capitá, Shai Dorón, que a pesar de ter dobre marcaxe, foi quen de asistir, dobrar e penetrar na zona rival e dar volta o partido. A congoleña Akonga e a ucraína Malashenko, figuras do Arras no primeiro cuarto, fóronse apagando e Elitzur Ramla, cun parcial incríbel de 28-9, retirouse ao descanso cunha ventaxe de 11 puntos, 33-22. O segundo tempo foi de alta tensión en ambos equipos. Estaba claro que o resultado cun tanteo baixo favoreceria a Ramla, xa que non se vían ataques rápidos que beneficiasen a Arras. Tanto Willingham como Dorón preocupábanse de manter distancias. Certo que as locais puxéronse a tiro ao remate do terceiro cuarto, 41-45, con acertos de Gumis e Akonga. Pero doutra banda, as súas xogadoras cargáronse de faltas e iso foi aproveitado por Elitzur Ramla no ultimo cuarto desde a liña de tiros libres. O manexo do balón esgotando os 24 segundos do reloxo foi laminando o espírito ao conxunto francés e a vantaxe de 7-8 puntos deulle a tranquilidade a Ramla para chegar ao 61-53 final desencadeando un verdadeiro entroido entre xogadoras, siareiros e o mesmo Alcalde de Ramla, Yoel Laví, patrón, presidente e ate axudante de campo do DT cando é necesario. Laví, foi o visionario que un día apostou polo basket feminino, e logo de gozar varias ligas e copas en Israel, agora chegoulle a hora de festexar o primeiro título europeo.
Comentarios