Os abaixo asinantes, cidadáns vascos, cataláns e galegos, que defendemos o dereito de autodeterminación dos nosos respectivos pobos, mediante este escrito, queremos amosar a nosa oposición á campaña que sob o nome BDS (Boicot, Desinversión e Sancións), promove accións de todo tipo contra produtos, actividades ou profesionais provintes de Israel en ámbitos económicos, académicos, culturais ou deportivos.
.
Consideramos que esta campaña, que pretende ser un instrumento de presión sobre o goberno israelí para que mude a súa política respecto dos territorios palestinos, non favorece en nada ao devandito fin, e pola contra cremos que por medio da mesma, estanse a cometer actos discriminatorios contra cidadáns israelís que reavivan o odio contra os xudeus en xeral.
.
Cremos que a creación dun Estado palestino viábel, (prevista na resolución das Nacións Unidas de 1947 dividindo a Palestina británica en dous estados un xudeu e outro árabe), pode ser a solución ao conflito se comporta o recoñecemento de Israel por parte dos estados árabes. Mais para iso consideramos que son o diálogo e a negociación os instrumentos que debemos promover entre as partes implicadas.
.
Parécennos lexítimas as críticas ás autoridades de Israel, pero non a invocación da súa destrución como “solución final” ao conflito, e menos cando se obvia que é un estado democrático, para dar curso á infame equiparación co réxime de Apartheid da antiga Sudáfrica. Israel, a pesar dos defectos que se lle poidan reprochar, foi unha referencia para os pobos que aspiran á súa soberanía, especialmente así foi no caso catalán. O feito de que Pau Casals, o catalán máis universal sexa á vez cidadán de honra de Israel así o proba. Ou tamén o recente libro sobre Jordi Pujol e os xudeus. Por iso criticamos a quen en nome da liberdade dos nosos respectivos pobos solidarícense en exclusiva coa causa palestina e negan a Israel o dereito a unha existencia en paz como fogar nacional do pobo xudeu.
.
Así mesmo, parécenos unha irresponsabilidade que baixo o argumento da solidariedade se pretenda importar ás nosas sociedades un conflito externo e se interiorice a estigmatización dos cidadáns israelís e xudeus en xeral que conviven nas nosas sociedades. As accións de boicot á cultura e á economía israelí e a discriminación contra persoas desta orixe nacional, son condutas racistas e delitivas que estanse a tolerar impunemente nas nosas sociedades. Como cidadáns que aspiramos á soberanía das nosas respectivas nacións non podemos admitir o racismo antixudeu que subxace nestas campañas de boicot, e nin moito menos que contamine o futuro modelo de sociedade que desexamos para os nosos pobos onde deberemos poder vivir en liberdade todas as persoas sexa cal for a súa procedencia nacional.
.
Asinan este texto desde Euskal Herria, Catalunya e Galiza:
Jon Inarritu, xurista. ARALAR
Xabier Kintana Membro da Real Academia de la Lengua vasca
Jurgi Kintana, historiador
Miguel Itoiz, enxeñeiro
Iñaki Akerreta, periodista
Filipe Duluc, lingüista. Ex-presidente do PNV de Iparralde, actualmente en EA.
Iñaki Anasagasti, senador
Toni Florido, President de ACAI
Mila Miró, Secretaria de ACAI
Ignasi Carnicer, ex-deputado de PSC
Jordi Argelaguet, director do CEO
Jaume Renyer, profesor URV.
Alfons López Tena, deputado de Solidaritat
Jaume Nogueroles, vogal de ACAI
Pilar Rahola, periodista
Josep-Lluis Carod-Rovira, politico e escritor
Xoán Bernárdez Vilar, membro da Real Academia Galega
Carlos Penela. escritor
Natalia Costas Alonso avogada e membra da Executiva Comarcal do BNG en Vigo
Constantino Lago sindicalista -CIG
Manuel Feáns. Profesor. Ex concelleiro do BNG
Paco Lores Santacecilia, sindicalista - CIG
Cesar Pazos, técnico de marketing. Membro do Padroado da Fundación Enclave
Pedro Gómez-Valadés, Presidente AGAI
Xavier González Carreira, avogado
Maribel Ferreiro, filóloga
Comentarios