Visita de Trinidad Jimenez a Israel




Durante a primeira xornada da súa viaxe de dous días a Israel, a ministra de Asuntos Exteriores e de Cooperación española, Trinidad Jiménez, mantivo un encontro na capital israelí co presidente de Israel, Shimon Peres. Tamén en Xerusalén reuniuse coa xefa da oposición israelí, Tzipi Livni; e co presidente interino do Partido Laborista de Israel, Michael Harish. Co presidente Peres, a ministra tratou os principais temas relativos ás relacións bilaterais. No ámbito político esta viaxe coincide co XXV aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre o Reino de España e o Estado de Israel. A ministra Jiménez expresou que esta ocasión debe ser aproveitada para fortalecer as relacións entre ambos Estados. Este fortalecemento debe experimentar un novo e forte impulso con ocasión dos múltiples contactos de alto nivel e dos actos previstos ao longo do 2011 para conmemorar este aniversario. A ministra falou tamén co presidente Peres da próxima visita deste a España.

No ámbito económico bilateral, Trinidad Jiménez transmitiu ao presidente Peres o firme desexo de España de redobrar os esforzos para incrementar ao máximo as nosas relacións económicas e comerciais, tanto no plano bilateral como no marco da Unión Europea. Así mesmo, no terreo da situación rexional a Ministra abordou tamén o proceso de paz en Oriente Próximo e a crise en Exipto. España considera que é imprescindíbel retomar as negociacións directas, para cuxo obxectivo espera que as partes contribúan con pasos positivos a un clima que favoreza a confianza mutua. Trinidad Jiménez tamén quixo aproveitar a oportunidade para intercambiar puntos de vista sobre o desenvolvemento dos acontecementos no norte de África, especialmente en Exipto e Tunes. Durante esta primeira xornada, a ministra tivo ocasión tamén de manter reunións coa xefa da oposición israelí, Tzipi Livni, co presidente interino do partido laborista, Michael Harish, e co ministro de educación Gideon Sahar. Na xornada de mañá martes, Trinidad Jimenez manterá entrevistas co Primeiro Ministro Benjamin Netanyahu e co Ministro de Exteriores Avigdor Lieberman.

A nova en TVE http://www.rtve.es/rss/videos/television/TE_STD2INT.xml

Comentarios