Lembran aos prisioneiros españois do nazismo en Sachsenhausen


Por Enrique López
.
"Memoria" foi a palabra que máis resoou hoxe nas instalacións onde se erguía o campo de concentración nazi de Sachsenhausen, onde a ministra de Exteriores española,Trinidad Jiménez, descubriu unha placa en recordo dos máis de 190 españois que foron confinados no campo.
.
Ante a presenza de autoridades alemás e familiares de vítimas, Trinidad Jiménez falou sobre o deber de lembrar e sobre os ideais daqueles que sufriron en carne propia a crueldade do horror nazi. "É unha verdadeira honra poder render hoxe homenaxe aos españois que, en defensa das súas ideas democráticas, foron internados ou perderon a vida neste campo de concentración", comezou a ministra. "Todos eles foron enviados aquí porque se negaron a aceptar a tiranía. Contra a brutalidade, eles opuxeron a firmeza dos seus principios e o valor dos seus ideais", engadiu Jiménez. "Sobre eses mesmos principios e ideais construíuse a Europa na que hoxe vivimos". Estímase que máis de 190 prisioneiros españois pasaron polo campo de concentración. A ministra lembrou especialmente ao máis famoso deles, Francisco Largo Caballero, presidente do Consello de Ministros da República tras o comezo da Guerra Civil (1936- 39).

"Quixera destacar a un dos líderes máis notables da esquerda española nos anos 20, 30 e 40 do século XX", sinalou Jiménez en referencia ao político. "Chegou a Sachsenhausen en agosto de 1943, con 74 anos, tras a súa detención en febreiro do mesmo ano en Francia, permanecendo internado até a liberación do campo en abril de 1945". O acto concluíu co descubrimento dunha placa "en recordo das vítimas e prisioneiros españois do campo de concentración de Sachsenhausen" colocada xunto a outras placas de países como Bélxica, Ucraína ou Francia. A maior parte dos españois que sufriron os horrores do nazismo no campo eran exiliados da ditadura franquista que foron detidos polas hostes do ditador Adolf Hitler en Francia entre 1943 e 1944. No acto de hoxe participaron tamén o vicepresidente e ministro de Facenda do estado federado de Brandemburgo, Helmut Markov, o director da Fundación Lugares de Conmemoración de Brandeburgo, Günter Morsch, e o presidente do Comité Internacional de Sachsenhausen, Roger Bordage.

Bordage, de 86 anos, foi ademais sobrevivinte do campo, onde chegou con 18 anos. "Este sitio de crime converteuse, cos anos, nun insigne Memorial, así como nunha necrópole de índole sacra", dixo ante o muro coas placas conmemorativas. Tamén para Bordage foi hoxe un día para facer memoria. "O propósito esencial da nosa presenza é render homenaxe fraternal e de recoñecemento aos nosos camaradas de miseria, homes de convicción e coraxe", concluíu.

Comentarios