Comunicado de AGAI


NO DÍA INTERNACIONAL DA MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

A Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI, quere sumarse ao "Día Internacional da Memoria do Holocausto", baixo a lema "Recordemos hoxe e por sempre", desde o noso máis firme compromiso coa causa da dignidade humana. Non é admisible mirar a outro lado ante a barbarie sen igual do Holocausto. Queremos e debemos recordala, con vergoña e horror, porque só así, recordando, podemos honrar ás vítimas como estas se merecen. Só asumindo a memoria negra de Europa, estaremos en condicións de afrontar o reto de eliminar na súa raíz as ideas criminais que levaron a uns seres humanos a aniquilar a outros seres humanos. E recordar é tamén, unha salvagarda para o futuro, para manifestar con enerxía o noso nunca máis á inhumana perversión dos campos de exterminio, nunca máis á barbarie e á degradación dos seres humanos; nunca máis aos totalitarismos.

Recordamos hoxe e por sempre:

Ás vítimas da Shoáh, aos 6 millóns de xudeus de toda Europa que foron perseguidos e aniquilados polo simple feito de seren xudeus.
Ao millón e medio de nenos e mozos, aos que coa mesma crueldade foron asasinados.
Ás decenas de miles de xitanos que correron igual sorte, baixo a delirante idea de non pertencer a unha suposta raza superior.
Aos miles de demócratas asasinados por combater a ideoloxía totalitaria enfrontándose aos designios criminais do nazismo.
Ás vítimas que conseguiron sobrevivir ao xenocidio, de quen aprendemos a súa lección de enteireza e loita.
A quen arriscando a súa propia existencia axudaron a salvar a vida doutros moitos, cuxo destino de morte os criminais xa previran.
E recordamos hoxe tamén de maneira especial pola súa proximidade, aos galegos e galegas que sufriron o exilio e o exterminio nos campos do horror. Por iso, manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienables da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade do home, para que nunca xamais poida repetirse unha tolemia semellante á que agora recordamos.

Vigo, 27 de xaneiro de 2011

www.amizadeconisrael.org

Comentarios