Morreu Jacques Stroumsa

Afonso xunto a Jacques Stroumsa no Yad Vashem en Xerusalén

Jacques Stroumsa

Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 19.11.10
.
O día 17 de xullo de 2009, cando tiña 96 anos, colleu Jacques Stroumsa moi de madrugada un autobús no porto de Eilat, alá no fondo do golfo de Aqaba, no extremo sur de Israel, para ir dar unha charla ao Yad Vashem, o centro da memoria xudía en relación co holocausto. Erguérase moi cedo porque tiña ilusión por vir ao encontro dos docentes españois que estabamos naquela fornada. Era o colaborador, a testemuña máis veterana da sección de lingua española da institución dos gardiáns da memoria.
.
Cun fiíño de voz que nos facía estar a todos en escrupuloso silencio e arrechegados á súa mesa relataba os anos de infancia nunha Salónica descougada. El nacera en 1913, un ano despois da incorporacion da cidade a Grecia. Máis de oitenta mil españois xudeus mantiñan daquela viva a lingua que el estaba usando pousadamente naquela sala, ese español medieval de fonética arcaica entrefebrado con pingas de vocabulario apañado dos países por onde pasaran aqueles xudeus errantes antes de topar o acougo xeneroso do imperio otomano. Contaba como existían daquela escolas promovidas por Francia, Italia, Inglaterra, incluso Alemaña, pero non España, naquel recuncho multicultural, segunda cidade xa de Grecia nun momento de anexión integradora. Salónica fora durante moitos séculos unha especie de Xerusalem xudía sobre todo, pero tamén turca e grega. Coa anexión, a minoría turca devecera de forma radical, pero a xudía ía resistindo. Contaban o sr. Stroumsa como era a súa familia de músicos, de violinistas, e como se fixo enxeñeiro industrial en Francia onde botou uns anos antes de voltar a Salónica para traballar e cumprir co servizo militar. Coa súa vida e viaxes cosmopolitas e co seu bo oído, chegou a falar moitas linguas, castelán, turco, grego, hebreo francés... Estaba orgulloso. Pero un día aquel mundo veuse abaixo. Chegaban ecos de Alemaña e Polonia. Non podía ser. Era demasiado terrible para ser certo. Non podía haber tanto mal. Pero o mal chegou. Metérono nun tren coa súa familia. No tren 16, xunto outros 2.499 xudeus de Salónica, un día da primavera de 1943. Chegaron ao destino. Separáronos. En 1.685 non gastaron tinta. Directamente saíron polas chimeneas de Auschwitz. Entre eles a súa muller embarazada de oito meses, seus pais e os sogros. Aos outros 815 tatuáronos. Un triángulo como xudeu, un G como grego, e un díxito.
.
E Jacques salvouse, curiosamente, pola música. Como violinista tatuado no inferno. Porque como di o título dun dos seus libros, “Elixin a vida”. Logo houbo de traballar de enxeñeiro escravo. Pero non había outra escolla: suicidio ou supervivencia. E debía seguir vivo para dar testemuño do horror. Para impedir o esquecemento e para evitar o odio.
.
Así que marchou o velliño, falamos. E dixéronnos que houbera moitos israelís que non acolleran ben aos saídos dos campos de concentración. Eran culpables de sobrevivir, de facer o posible e o imposible por cumprir o mandáto bíblico de manter o fío da vida. Israel non quería, non debía ser a casa só dos heroes, dos combatentes, senón de todos os supervivintes.
.
Jacques Stroumsa acabou reconstruíndo a súa vida xunto con Lora, de Atenas, e nos últimos anos deleitábase coa súa neta violinista. Pechou o círculo da vida alá na desacougada e esperanzada Xerusalem, o outro día, cando era tempo de magostos en Ourense. Que a terra che sexa leve, Jacques.

Comentarios