Realizouse a Marcha do Orgullo Gai en Xerusalén

Imaxe da Marcha do Orgullo Gai en Xerusalen


O colorido Desfile do Orgullo Gai celebrouse o pasado xoves en Xerusalén á vez que tres manifestacións na súa contra, relixiosas e de extrema dereita, foron convocadas para protestar polo evento. Máis de tresmil persoas se congregaron no Parque da Independencia, no centro da cidade, nunha colorida marcha adornada con bandeiras de arcoiris, globos de cores e pancartas que pedían igualdade total de dereitos para a comunidade Lesbiana, Gai, Bisexual e Transexual (LGBT), a oitava manifestación deste tipo celebrada en Xerusalén nos últimos oito anos. Este ano, a marcha tivo un percorrido distinto do habitual. "Decidimos marchar até a Knésset, para reclamar o noso dereito á igualdade, porque somos todos iguais, pero non fronte á lei", dixo Amit Lev, portavoz da Casa Aberta de Xerusalén para o Orgullo e a Tolerancia. Lev denuncia que os membros da súa comunidade "non se poden casar, nin adoptar nin facer nada como parellas" neste país. Moi preto do parque da Independencia, na praza de París, decenas de activistas de dereita protestaban contra a marcha gai e esperaban o seu paso con pancartas nas que se lían mensaxes como "Pervertidos, fóra de Xerusalén", ou "Gais, váianse ao inferno", informou o servizo de noticias Ynet. O encontro dos dous grupos transcorreu sen incidentes debido á forte presenza de axentes das forzas de seguridade que velaron polo respecto do dereito de manifestación das dúas partes. Doutra banda, no barrio relixioso de Mea Shaarim, escasamente menos dun cento de ultra-ortodoxos convocados polo rabino Yosef Elyashiv tamén se manifestaron contra a celebración do día do Orgullo. Unha terceira protesta contra o desfile gai celebrouse na estación central de autobuses. Esta pretendía incorporar un desfile de burros, co fin de comparar a estes coa comunidade gai, pero a participación dos animais non foi autorizada nin polo Concello nin pola Policía. En definitiva, un día de reivindicación sen ningún incidente.

Comentarios