Ian Anderson, o mítico cantante do grupo de rock Jethro Tull, fixo doazón íntegra da recadación dos tres concertos que ofreceu en Israel a outros tantos grupos que promoven a coexistencia entre xudeus e musulmáns. Trátase de Peace Child Israel, dedicada ao ensino dos valores democráticos, a tolerancia e o respecto mutuo por medio do teatro e as artes; Hand in Hand, unha rede de escolas mixtas xudeo-árabes: e Neve Shalom - Wahat Assalam, comunidade baseada na coexistencia. Todas confirmaron que recibiron un correo electrónico de Anderson co que cumpría a súa promesa de destinarlles, en tres partes iguais, os ingresos obtidos nas súas recentes actuacións nas localidades de Binyamina, Cesárea e Xerusalén. Nunha entrevista co diario israelí "The Jerusalem Post", Anderson asegurou: "Non estamos falando de millóns de dólares, senón duns poucos miles. Á fin e ao cabo son só tres pequenos concertos en Israel". Recorreu á oficina do enviado do Cuarteto de Oriente Medio e ex primeiro ministro británico, Tony Blair, para elixir ás asociacións. "foi un acto moi xeneroso e amable", sinalou Melisse Lewine-Boskovich, directora de operacións de Peace Child Israel. Para Sam Shube, director executivo de Hand in Hand, é unha "honra" que Anderson "crea no traballo" da súa rede educativa e animou a "artistas, académicos e figuras publicas en xeral a facer oír a súa voz en defensa da coexistencia e a non caer na trampa do boicot a Israel". "Manteño desde hai tempo a posición de que a cultura e as artes deben estar libres de toda censura política ou relixiosa e de que debe manterse unha distancia entre elas", argumentou no escrito. Anderson explicou que tomou a decisión de destinar o diñeiro de todos os seus futuros concertos en solitario ou con Jethro Tull a "organizacións que representan o desenvolvemento dunha coexistencia pacífica entre musulmáns, xudeus e cristiáns, e a mellora das relacións entre israelís e palestinos". "A quen me din que debo 'boicotear' a Israel, só podo dicirlles que, nas miñas viaxes, ao longo do mundo recórdanme as atrocidades históricas cometidas por moitas nacións que agora son amigas, o que reforza a miña determinación de que os meus humildes e profesionais esforzos e os doutros artistas poden achegar un certo grao de paz e mellor entendemento. Israel é unha sociedade democrática na que sempre puiden actuar sen censura nin limitación e voltarei tantas veces como se me convide".
Comentarios