Israel quere ver a Gilad Shalit para suspender o bloqueo

O goberno de Israel afirmou este pasado martes que non levantará o bloqueo na Franxa de Gaza a menos que Hamas permita que a Cruz Vermella visite ao soldado secuestrado desde 2006. No entanto, o grupo islamista que controla Gaza rexeita esa demanda. O ministro de Relacións Exteriores de Israel, Avigdor Lieberman, manifestou que "a condición mínima para retirar o bloqueo é que a Cruz Vermella poida visitar regularmente a Gilad Shalit". "Mentres esa condición non sexa atendida, non hai razón para mudar a situación." Hamas rapidamente rexeitou a proposta, afirmando que a tentativa de relacionar o caso Shalit co bloqueo en Gaza é unha tentativa de "enganar e encubrir os esforzos humanitarios internacionais para o fin do cerco criminal sionista". O movemento islámico afirmou que só liberará a Shalit se Israel libera a perto de 1500 prisioneiros palestinos, incluíndo varios líderes políticos e altos responsábeis de ataques con centos de mortes. Israel e Exipto impuxeron o peche de Gaza tras ser Shalit capturado, en xuño de 2006. O bloqueo foi reforzado cando Hamas tomou o control pola forza nun golpe contra a Autoridade Nacional Palestina. Israel afirma que o bloqueo é necesario para poder conter a Hamas -que reclama nos seus estatutos e programa de acción político a destrucción do Estado de Israel - e para presionar pola liberación do militar secuestrado e que nunca recibiu ningunha visita de ningunha organización humanitaria internacional.


Comentarios