Burka non, dignidade si


Por Yashmina Shawki

La Voz de Galicia 19.06.10

O debate sobre o veo co que se cobren algunhas mulleres musulmás e que, recentemente, levou á sanción das súas variedades máis extremas, o niqab e o burka, por varios concellos, suscita opinións enfrontadas. Así, fronte a aqueles que argumentan que debe prevalecer a liberdade de culto e non debe prohibirse o veo porque impediría que moitas adolescentes asistisen a clase e o burka porque algunhas mulleres non sairían da súa casa, estamos os que sabemos que a tolerancia neste caso é incompatible co exercicio e protección da liberdade, a dignidade do ser humano e a igualdade de sexos. A muller que se cobre non o fai nin por cuestión de fe nin por vontade propia, aínda que así o afirme. Non ten alternativa, educárona na submisión, na obrigación de permanecer pura para casar, na prevalencia da honra do home a través da súa ocultación cun argumento de piedade relixiosa cando só deriva dun acto de apropiación e cosificación da muller. A muller que se cobre non é libre, faino por medo. Medo a ser excluída da súa familia, da súa contorna. É enganada e mantida na ignorancia mediante a incomunicación. A persoa que non sabe non pode elixir. Se non pode elixir non discute, sométese, e acepta o que se lle impón. Poida que moitos opinen que prohibir o uso do burka e o niqab en espazos públicos será prexudicial para a convivencia entre relixións, pero nada máis lonxe da realidade. En primeiro lugar, o burka é unha imposición sociocultural de países pouco civilizados, non unha obriga relixiosa. En segundo lugar, é imposible convivir, comunicarse ou compartir experiencias cun ser humano ao que non se lle pode ver a cara nin os ollos. Non só non sabemos se falamos con quen cremos estar ao facer, senón que o illamento físico é antisocial. Máis aló de que é imprescindible prohibir o uso do burka por razóns obvias de saúde e de seguridade, por non poder identificar a quen se cobre e porque permite ocultar armas ou explosivos, o ir cuberto así supón unha violencia visual, o alarde da discriminación sexista, a demostración da minusvaloración humana que se produce coa ocultación dunha persoa. Non só é anticonstitucional: é inmoral, inxusto e antinatural.

http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/06/19/0003_8559672.htm

Comentarios