A quen ofende o velo?


Por Inma López Silva
La Voz de Galicia - 23.04.10
.
Pois a min si que me ofende. Declároo aquí para que me chamen reaccionaria aqueles que se enlean co concepto de respecto das liberdades individuais, esgrimido ultimamente para todo e, por iso, desposuído do seu sentido. Porque as leis en democracia garanten a convivencia a través do mecanismo menos malo: limitar a liberdade individual por acordo colectivo. As outras alternativas a isto son a imposición autoritaria dos límites á liberdade ou a total anarquía para ser libre sen mirar contra quen, opcións demostradamente indesexables. Ademais, os Estados aconfesionais (e o noso, anque ás veces non pareza, é un deles) garanten a liberdade relixiosa porque a restrinxen ao ámbito privado. E, enriba, todas as sociedades adoitan establecer mecanismos de rexeitamento de símbolos alusivos a identidades que ofenden os seus valores fundamentais.
.
Os nosos valores fundamentais desde o século XVIII son liberdade, igualdade e democracia, e o hiyab , o burka e o niqab islámicos simbolizan formas de tratamento ás cidadás que contrarían eses valores. Se as musulmás queren aceptar eses símbolos e a represión que conlevan, efectivamente, son libres de facelo, igual que as mulleres maltratadas son libres de deixarse asasinar polos seus homes. Pero como sociedade democrática, coido, non debemos promover, e menos en espazos educativos, a aceptación da represión feminina en virtude dunha aparente e dubidable liberdade individual. Por iso me ofende o velo, porque me lembra o sometemento igual que un skinhead me lembra a Auschwitz. En fin, que a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César, tamén chamado no noso país Constitución laica

Comentarios