Texto da Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, que con motivo da conmemoración o pasado día 27 de xaneiro do Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto, foi abrobado hoxe, e do cal darase lectura solemne no vindeiro pleno da cámara galega. Após dous anos de silencio incomprensible, o Parlamento de Galicia recupera a conmemoración, en consonancia cos dictados de Nacións Unidas e da Unión Europea, do día internacional da Shoáh.
DECLARACION INSTITUCIONAL SOBRE O DIA DE CONMEMORACION ANUAL EN MEMORIA DAS VITIMAS DO HOLOCAUSTO
O 1 de Novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirman que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e inmumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos. E tamén decidiu designar o 27 de Xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das víctimas do Holocausto, todas elas víctimas do nazismo entre as que se contan tamén galegos e galegas.
A Asemblea Xeral rexeitou, e este Parlamento faino seu, toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.
O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie ultraxantes para a conciencia humana.
O Parlamento de Galicia, en fin, de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de Novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama ao Goberno da Xunta a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia e discriminacións baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e aos cidadáns e ás súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentarse entre nós, e en ningún lugar do mundo.
Comentarios