O MOSSAD NON EXISTE


Por Salvador Sostres
.

Ruborizante indignación internacional con Israel polo asasinato do líder militar de Hamas, Mahmud Mabhuh. Acúsase ao Mossad de falsificar o pasaporte de 11 cidadáns europeos para facilitar que os seus axentes secretos puidesen terminar co terrorista. O Reino Unido chamou a consultas ao embaixador israelí para pedirlle explicacións e o portavoz de Exteriores israelí, Igal Palmor, ven de manifestar que espera que uns pasaportes falsos non xeren ningunha crise entre países amigos nun conflito tan serio. Non é ningunha novidade que se acuse a Israel e aos xudeus de todo o malo que pasa no mundo, e que estas acusacións, por tanto, deberían de tomarse con moita calma até ser minuciosamente comprobadas. Un Estado democrático merece moita máis confianza e credibilidade que calquera dos dubidosos gobernos árabes que acusan a Israel deste asasinato. É tamén imprescindible lembrar que Hamas non é un país, nin unha organización benéfica, nin tan sequera un Exército. É unha banda terrorista que some a Palestina na miseria e que bombardea calquera intento de paz e convivencia. O texto fundacional de Hamas chama á destrución de Israel en máis dunha decena de ocasións, e en cambio en ningunha reclama a constitución dun Estado palestino.
.
Israel debe ter dereito a defenderse, tanto desde o Estado de Dereito como desde as cloacas, de cara ou baixo identidades falsas. Si a un país négaslle o dereito de defenderse, négaslle o dereito de existir. Se Europa e o mundo non deixasen ao pobo de Israel tan só, ao longo de toda a Historia, talvez as cousas funcionarían doutro xeito. Co seu pasado vergoñoso, resulta un escarnio que países como Alemaña, o Reino Unido ou Francia se atrevan con Israel a darlle leccións. E o que desde logo é ridículo é que alguén pretenda que Israel ou o Mossad dean explicacións. Só faltaría que un Estado serio tivese que dar explicacións sobre como se desfai ou non se desfai de terroristas. Cando o entón primeiro ministro británico, Winston Churchill, foi preguntado polo xefe da oposicion, Clement Attlee, si o MI-5 (o servizo secreto británico) protagonizara unha determinada operación de espionaxe, a resposta que lle deu foi contundente: «Isto que me pregunta é imposible porque, como vostede e máis eu ben sabemos, señor Attlee, o MI-5 non existe».

Comentarios