AUSCHWITZ LIBERADO?


Por Ángeles Caso
Público - 28.01.10
.
Dor e infinita piedade nos actos que onte conmemoraron os 65 anos da liberación de Auschwitz-Birkenau polas tropas soviéticas. Volvo sorprenderme unha vez máis ante o uso da palabra "liberación": en verdade, aquilo non foi máis que o descubrimento e o abandono á súa sorte dos pobres 8.000 seres, máis ou menos, que lograran sobrevivir a tanto horror. Os sobreviventes dos campos aos que chegaron os aliados occidentais foron alimentados, atendidos médicamente e repatriados. Pero os rusos non mostraron a menor compaixón cara aos que eles se atoparon. Moitas veces puiden falar desa actitude incomprensible coa miña amiga Violeta Friedman, xudía húngara deportada aos 14 anos a Auschwitz, onde perdeu a toda a súa familia.
Uns días antes da chegada dos soviéticos ao campo, Violeta foi obrigada xunto con varios centos de mulleres a iniciar o camiño a pé cara a Alemaña, nun desesperado intento dos SS por non deixar tras eles testemuñas do Holocausto. Finalmente, ela e outras mulleres enfermas ou exhaustas foron abandonadas nunha fábrica de ladrillos aínda en territorio polaco. Alí atopáronas os rusos a finais de xaneiro. Durante meses, ninguén fixo nada por elas, salvo violalas. Permaneceron alí, comendo o que atopaban nas casas cuxos habitantes fuxiran. En abril, as que aínda non morreran foron trasladadas a un campo de prisioneiros de guerra, do que Violeta logrou fuxir cun pequeno grupo algún tempo despois. Todos eses feitos están narrados nas súas Memorias (Planeta, 1997). E esa é, por desgraza, a verdade da liberación. Sobran todos os comentarios.

Comentarios