BAIXO A SHARÍA




Por Manuel Molares do Val
Galicia-Hoxe 17.10.2009
.
Que teñan coidado todos aqueles que menosprezan as crenzas musulmás: proximamente poderían terminar no cárcere, ata en occidente, por incitación ó odio relixioso, figura creada por unha resolución do Consello de Dereitos Humanos que nos vén dende a Organización das Nacións Unidas. Este organismo, que debería velar polos verdadeiros atentados a dereitos humanos como a desigualdade das mulleres, denuncia por impulso islamita "o aumento dos estereotipos negativos raciais e relixiosos no mundo, e condena toda incitación ó odio relixioso". Fixémonos en que se iguala racismo, que é desprezo ás persoas, co exercicio do dereito fundamental de rexeitar ou vilipendiar, se se desexa, calquera idea, sexa esta relixiosa, política, culinaria, deportiva ou sobre colombofilia: quérese que a ausencia de respecto en si sexa delito.
.
A esta falacia intelectual sometéronnos os 47 países dese Consello, entre eles notables representantes do amor ós dereitos humanos como Arabia Saudita, Cuba ou China. O rechamante é que esta proposta a presentaron conxuntamente Exipto, unha ditadura militar musulmá, e EEUU, que reingresou con Obama nese Consello da ONU, despois de que os seus antecesores os desprezasen por antidemocrático durante moitos anos. Esta actitude antiliberal, que terminará encarcerando por odio relixioso a quen condene calquera norma piadosa, comezou como reacción islámica contra as caricaturas de Mahoma, publicadas en Dinamarca no ano 2005. Daquela, a Xunta estremeña subvencionaba unha exposición con iconografía das figuras do cristianismo practicando sexo, incluíndo incesto, pederastia e bestialismo. Mal gusto con diñeiro de todos, pero nada máis. Agora, quere impórsenos o estrito código islámico chamándolle racismo ó rexeitamento a unhas crenzas para as que os dereitos humanos nin sequera son os da ONU, pois redactaron outros novos. Co boísmo do presidente Barack Obama como bandeira estaremos baixo a sharía.

Comentarios