A RAIA NA AREA



Por Afonso Vázquez-Monxardín

La Región - 27.09.09

.

Como se dun cumio dos Azores se tratase, onte os tres presidentes das tres potencias ocidentais clásicas, xuntáronse e enviaron tres declaracións pero unha soa unha unívoca mensaxe ao réxime iraní. Irán debe parar os seus plans militares nucleares de inmediato.

.
As declaracións foron moi curtas -Obama 1’37 segundos, Sarkozy 2’ 29” e Brown 1’48”- pero sen palla ningunha. (Véxanas na web da BBC) O último en falar, o presidente británico, resumiu que a cuestión nuclear iraní era o maior desafío que afrontaba o mundo hoxe e que dada a decepción continua dos últimos anos a comunidade internacional non tiña máis remedio que debuxar unha raia na area: antes do 1 de outubro, deben avirse ou aterse ás consecuencias.

.
¿Que pasou para que se puxesen así de bravos os tres grandes? Pois un cúmulo de circunstancias ás que non é allea a continua fuxida cara adiante do presidente Ahmadineyad. Hai uns meses, este verán, andou un barco (o Artic Sea) polo Atlántico e polos medios de comunicación, por ter sido obxecto dun rarísimo secuestro –dicían levar madeira- e que á fin, o Times, desvelou: Fletado pola mafia rusa, trabábase dun envío de mísiles a Irán. O Mosad israelí seica se enterou e interceptou o envío. Logo, caladamente, Simón Peres viaxou a Moscú para explicarlles o caso ás autoridades rusas e entenderonse bastante ben. Item máis, ¿en que cabeciña cabe que hai tres ou catro días, nos desfiles militares do día da independencia iraní, exhiban mísiles de tres mil quilómetros de alcance, con pancartas colgadas que digan “morte á América”, “morte a Israel”, “Hai que varrer a Israel do mapa”?

.
Evidentemente non todo é igual. Non representa o mesmo que teña a bomba nuclear Francia, Estados Unidos, Gran Bretaña, China e Rusia que o islamismo radical sunita dos talibáns, o xii dos aiatolas ou os alucinados dirixentes da ideoloxia “juche”de Corea do norte.

.
É ben claro que nin ocidente nin oriente están ameazados polos actuais detentadores de armas nucleares e andan ás voltas sempre coas negociacións de eliminación de arsenais (as armas nucleares no mundo baixaron de 65 mil en 1985 á tamén espantosa cifra de 20 mil en 2002). Para iso están os tratados. No caso de que Israel tivese a bomba nuclear –cousa nunca afirmada nin desmentida por eles, que como no poker calan e miran aos ollos... e saben que o medo garda a viña- nunca se lles ocorreu usala, nin nas varias ocasións en que foi atacado. ¿Poderiamos ter a mesma tranquilidade coa bomba en mans dos que colgan esas pancartas dos mísiles que son tamén os que gaban os sucidios individuais e colectivos?

.

Lembremos o poema do reverendo Martin Niemöller, Cando os nazis viñeron buscar aos comunistas/ gardei silencio/ porque eu non era comunista,/ Cando encarceraron aos socialdemócratas,/ gardei silencio,/ porque eu non era socialdemócrata,/Cando viñeron buscar aos sindicalistas,non protestei,/porque eu non era sindicalista,/ Cando viñeron buscar aos xudeus,/non protestei, /porque eu non era xudeu,/Cando viñeron buscarme a min,/non había ninguén máis que puidese protestar. Ben, pois parece que vai empezar a partida. Ogallá sexa pacífica.

Comentarios