Madonna estréase como articulista publicando un texto no suplemento dun diario israelí onde explicará a súa relación co xudaísmo. O artigo será a súa estrea como colunmista semanal no suplemento semanal «Sete Días» do diario Yediot Ahadonot, o de maior tirada de Israel e no que publicará mañá o seu texto co título de «Como cambiou a miña vida». O servizo de noticias Ynet, que pertence ao mesmo grupo que o popular xornal, adiantou hoxe algúns extractos do artigo, no que a cantante explicará o seu achegamento ao xudaísmo e en particular á Kabala, da que é fervente seguidora. «Viaxei moitas veces por todo o mundo, actuei en estadios, comín na mesa de líderes mundiais e colaborei con numerosos artistas de primeira liña, pero sentía que me faltaba algo na vida», é un dos extractos divulgados. «Estaba embarazada da miña filla hai catorce anos e acabara a película 'Evita', cando de súpeto comprendín que me pasou a vida pensando só en min e que pronto ía ser responsable tamén da vida doutra persoa», confesa Madonna no texto. «E de súpeto, pensei que vou ensinar aos meus fillos das cousas importantes da vida?. Un día fun ver ao rabino do que me falaron (Mijael Berg) e comecei a escoitar. Desde ese momento souben que a miña vida xa non sería o mesma», explica a artista. Desde que se achegou ao xudaísmo, Madonna adopta o nome hebreo de Esther nas súas visitas a Israel, país no estivo por última vez o ano pasado para asistir a cursos de Kabala e onde ten previsto actuar en setembro no marco da súa actual xira, «Stick&Sweet».
Comentarios