NOVOS CAMARADAS PARA LE PEN


Alarma polo éxito electoral da ultradereita inglesa. O seu lider Nick Griffin dirixiu durante varios anos un semanario antisemita.
.
A obtención de dous escanos no Parlamento Europeo polo ultradereitista British National Party (BNP) nas eleccións do pasado xoves no Reino Unido alarmou a conservadores e laboristas, que cualificaron o ocorrido de "moi preocupante" para a política británica. O líder do partido, Nick Griffin (na foto), que obtivo un dos dous escanos nunhas eleccións celebradas co sistema de representación proporcional, falou dunha "grande vitoria". Griffin dirixiu durante varios anos un semanario antisemita titulado "The Rune", no que louvou reiteradamente ás SS hitlerianas e criticou á forza Aérea Británica por bombardear a Alemaña nazi. En 1998 foi acusado de incitación ao odio racial por un número desa revista na que cuestionaba a veracidade do Holocausto e foi condenado a nove anos de cárcere aínda que a execución da sentenza foi suspendida. A finais do 2004 volveu ser detido tamén por sospeita de incitación ao odio racial despois da súa aparición nun documental da BBC no que cualificaba ao Islam de "relixión malvada e viciosa". Griffin foi con todo absolto tras un novo xuízo, feito que celebrou ás portas do tribunal con botellas de champaña regaladas polo líder fascista francés, Jean-Marie Le Pen. O segundo escano de eurodiputado do BNP é para Andrew Brons, un político cun pasado de longa militancia ultra de case cincuenta anos, quen dixo, tras coñecer o seu triunfo, que era o primeiro paso "para liberar ao pobo británico da ditadura da Unión Europea". Andrew Brons, de 61 anos, foi membro do Movemento Nacional Socialista Británico, unha organización fundada o día do aniversario de Adolf Hitler e afiliouse en 1967 ao tamén ultradereitista Fronte Nacional, do que foi elixido presidente en 1979.

Comentarios