GAZA E PEREJIL


Por Pedro Gómez-Valadés
.
Corría o mes de xullo de 2002 cando unha ducia de xendarmes marroquís invadían sen previa advertencia o illote de Perejil. Sondaxes e inquéritos feitos por eses días reflectían un sentir (esmagador) no que a opinión pública española esixía unha resposta contundente, incluíndo unha intervención militar. ¿Imaxina o lector cal sería a demanda cidadá, se no canto dunha campestre invasión marroquí de Perejil, estiveramos a falar dun constante e indiscriminado ataque con mísiles desde territorio alauíta sobre Alxeciras ou Cádiz? ¿Soportaría estoicamente o estado español e a opinión pública española anos de ataques con centos de feridos e ducias de mortos sen unha resposta?
.
Asistimos estes días a manifestacións, lemos artigos de opinión, novas de prensa, que protestan contra as accións que Israel ven desenvolvendo desde hai unas semanas para deter o constante e indiscriminado ataque que desde a Faixa de Gaza, o grupo terrorista Hamás mantén contra a poboación civil do sur de Israel. Preto dun millón de israelís que desde hai anos sofren o impacto de milleiros de Qassam e morteiros, disparados desde a veciña faixa.
.
E pregúntome eu, ¿É críbel este rasgar de vestiduras en quen agora se alporiza -con epítetos que en moitos casos superan o racional- e pola contra mantiveron un sepulcral silencio cando, por exemplo, a Rusia de Putin arrasou a sangue e fogo Grozni con milleiros de mortos e desaparecidos? ¿Ou cando hai pouco a mesma Rusia reincide atacando a veciña Xeorxia? Cando no esquecido Darfur centos de miles de refuxiados son asasinados coa complicidade, por pasiva, da comunidade internacional. Ou cando no verán de 2007 o exército libanés sitia o campo de refuxiados palestinos de Nahr al Bared, e o bombardea con artilleria pesada durante semanas. Pregúntome, ¿Lembra vostede algunha mobilización cidadá nas nosas rúas reclamando a fin do bombardeo? ¿Lembra vostede algún artigo de opinión, comunicado atacando a “resposta desproporcionada” do “xenocida” exército libanés ou ruso? ¿Lembra vostede algunha mobilización solidaria cando Hamás deu hai menos dun ano, o seu golpe de estado na Faixa contra a ANP pasando a coitelo –literal- a centos de simpatizantes de Al Fatáh?
.
¿Que lectura podemos tirar deste selectivo exercicio da solidariedade? ¿Por que algúns só exercen o seu espirito solidario cando o demonizado é Israel? Isto, ao meu ver, réstalle credibilidade ás súas protestas.
.
Artigo publicado no xornal La Voz de Galicia - 19.01.09

Comentarios