Unha decena de activistas da Confederación Española de Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais (COLEGAS) realizou este mércores unha concentración en protesta pola presenza do Viceministro de Asuntos Exteriores da República Islámica de Irán, Mahdi Safari, ante as portas da Universidade San Pablo-CEU de Madrid, onde tiña previsto ofrecer unha conferencia. Con esta concentración pacífica, COLEGAS quería expresar a súa preocupación pola situación dos dereitos humanos en Irán e facer chegar ao Viceministro unha queixa formal sobre a persecución do colectivo homosexual naquel país. No entanto o máis sorprendente foi a intolerante acollida e recibimento por parte da comunidade universitaria da San Pablo-CEU, onde os activistas de COLEGAS foron obxecto de insultos e ameazas graves, e até houbo conatos de agresión.
De seguido o comunicado feito público por COLEGAS:
***
Comunicado da Confederación Española de Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais
Unha decena de activistas da Confederación Española de Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais (COLEGAS) realizou este mércores unha concentración en protesta pola presenza do viceministro de Relacións Exteriores de Irán en España, ante as portas da Universidade San Pablo-CEU, onde tiña previsto ofrecer unha conferencia. O viceministro tivo que entrar e saír por unha porta lateral para evitar atoparse coa concentración de COLEGAS, cuxos activistas portaban pancartas a favor dos dereitos humanos en Irán e bandeiras gais. A seguridade do centro universitario vetou a nosa entrada nas instalacións, aducindo ordes, e a policía nacional estivo vixiante e transmitindo aos seus mandos os eslóganes que portaban os voluntarios de COLEGAS. Por outra banda, tamén é contraditorio que un alto dirixente de Irán ofreza unha conferencia nunha universidade católica, sendo precisamente nesa mesma Universidade San Pablo-CEU a que presentou un informe sobre a "Liberdade Relixiosa no Mundo", onde establecía que Irán era o país que máis menoscaba a liberdade relixiosa. No entanto o máis sorprendente foi a intolerante acollida e recibimento por parte da comunidade universitaria da San Pablo-CEU, onde os activistas de COLEGAS foron obxecto de insultos e ameazas, e até houbo conatos de agresión. Varios alumnos encaráronse cos voluntarios lanzando insultos como "Esta é unha Universidade Católica. Que merda facedes os maricóns aquí?", "Ou vos levades esas bandeiras ou volas metemos polo cu", "Paréceme moi ben que aforquen aos homosexuais en Irán e aquí tiñan que facer o mesmo convosco", "Quedámonos coas vosas caras, así que andar con moito coidado".
Madrid, 18.12.2008
Comentarios