MERETZ INCORPÓRASE AO NOVO MOVEMENTO DA ESQUERDA ISRAELÍ

Após varias semanas de negociacións, o Consello Nacional de Meretz aprobou o luns á noite unha alianza con Hatnua Hjadasha (Novo Movemento, en hebreo). A candidatura conxunta está encabezada polos dirixentes de Meretz, Haim Orón e Ilán Gillón. O ex xornalista Nitzan Horowitz ocupará o terceiro lugar. Entre os líderes máis importantes tamén se atopan Zahava Galón, Mossy Raz, Avshalom Vilan, Talia Sasson, Tsvia Greenfeld, Tzali Reshef (fundador de Hatnua Hahadasha), Issawi Frige, Michal Rosin, Ibtisam Mar'ana, Uri Zaki, Adv Gaby Lasky e Roy Peled. A incorporación á coalición foi aprobada por ampla maioría dos membros do Consello, reunido en Xerusalén. Oron dixo que o establecemento dun bloque de esquerdas "axudará a encher o baleiro actual". "Non hai ninguén máis que poida facerse cargo desta tarefa. Meretz está a abrirse cada vez máis a novos sectores e quere deixarlle iso en claro ao electorado israelí". Orón agregou que cre que as enquisas que auguran máis escanos na Knésset para Meretz mostra un cambio de actitude. "Asumo toda a responsabilidade por esta iniciativa se non chegase a funcionar, pero estou convencido de que si o fará". Horowitz, cuxa posición preferente na candidatura conxunta asegúralle un primeiro período no Parlamento israelí, dixo que agarda que a coalición achegue "unha mellor visión do futuro". "Necesitamos ser un referente para calquera que se preocupe polo medio ambiente. Unha contorna saudábel é inseparábel dunha boa calidade de vida", agregou. Un dos arquitectos do Novo Movemento da esquerda israelí é Rany Trainin.

Comentarios